A pegada das casas indianas nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal
A pegada das casas indianas nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal
Coñecida popularmente como Casa da Maleta, no concello de Fene está o chalé do Adriano, levantado polo indiano Antonio Fernández, un dos moitos galegos que emigraron a Cuba na segunda metade do século XIX.
"Esta xente fixo cartos e como naquel momento o pensamento non era o de quedar nos países que os acollían na emigración, eles sempre pensaban en retornar. Entón a xente que tiña cartos de que forma retornaba? Preparando a casa para teren unha calidade de vida igual que a que tiñan en Cuba", explica Ernesto López Naveiras.
Como presidente que foi da Agrupacion Instrutiva de Caamouco, na localidade aresá de Redes, Ernesto coñece ben as historias de indianos, que non só achegaron arquitectura ou decoración, tamén incorporaron servizos dos que carecían daquela as casas galegas.
"Como era a casa galega da época? A casa galega era un balcón e no balcón estaba o váter, que tiña saída libre. Pois ben, esta xente non. Esta xente fixo cuartos de baño con conducións de augas fecais e ata auga corrente nos baños e nas cociñas", engade Ernesto López Naveiras.
O chalé Rosa, que alberga en Pontedeume as instalacións da gardería municipal, forma parte desta pegada nunha comarca, a eumesa, que xunto coa do Ortegal e Ferrol concentra tres de cada catro casas indianas da provincia da Coruña.