Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia é a comunidade con máis fusións municipais nos últimos sesenta anos

Galicia é a comunidade con máis fusións municipais nos últimos sesenta anos

Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade son dúas das tres que se materializaron en España en seis décadas

G24.gal 28/01/2023 14:31 Última actualización 28/01/2023 18:46

A plataforma cidadá "La gran Granada" vén de presentar un informe sobre a viabilidade de fusionar corenta e catro municipios nun. Cita como exemplos de éxito da unión de concellos os casos galegos de Oza-Cesuras na Coruña e de Cerdedo-Cotobade en Pontevedra.

Na base do argumento que expón a plataforma andaluza, a respecto da fusión de varios municipios nun único concello, está na eliminación de cargos públicos, na unificación dos servizos municipais e no aumento dos presupostos. 

A fusión de concellos segue constituíndo en toda España un debate municipalista aberto. De feito, en sesenta anos só houbo tres fusións municipais. Europa leva tempo referíndose á pouca simplificación administrativa española.

Cerdedo-Cotobade é unha desas novas realidades municipais desde hai seis anos e catro meses. A primeira sede municipal do concello unificado está na parroquia de Carballedo. A segunda sede para determinadas xestións administrativas municipais permanece en Cerdedo.

O concello pontevedrés ten agora máis de 5.800 habitantes censados, a suma dos 1.800 de Cerdedo e dos máis de 4.000 de Cotobade.

Décimo aniversario

Foi a primeira fusión de dous municipios galegos desde 1968. Oza-Cesuras nacía cun padrón de case 5.400 veciños e a pretensión de optimizar servizos, acceder a máis fondos públicos e fixar poboación. 

No seu día, o proceso de fusión xerou tensións e desconfianza, en Cesuras máis que en Oza dos Ríos, onde está centralizado o groso da xestión municipal. A maioría dos cesuráns segue cuestionando os beneficios da integración. Perderon servizos. Por exemplo, pechou a única sucursal bancaria da localidade.

Segundo as últimas cifras oficiais, Oza-Cesuras ten unha poboación de algo máis 5.200 habitantes. Son menos que hai unha década, pero nos últimos dous anos gañou veciños.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade