Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pablo Barcia (PPdeG), novo alcalde de Mondariz

Pablo Barcia (PPdeG), novo alcalde de Mondariz

Os cinco concelleiros de Alternativa por Mondariz, que estaban a gobernar en minoría, dimitiran en bloque pola imposibilidade de aprobar as contas públicas

Os tres edís do PPdeG en Mondariz, entre eles, o novo alcalde, Pablo Barcia, no centro da imaxe (TVG).
G24.gal 26/09/2024 12:45

O pleno de Mondariz (Pontevedra) elixiu este xoves a Pablo Barcia (PPdeG) como novo alcalde da localidade tras a dimisión en bloque a semana pasada de Alternativa por Mondariz, que estaba a gobernar en minoría.

A candidatura de Barcia saíu adiante cos votos do Partido Popular, que foi a segunda lista máis votada nas pasadas eleccións municipais.

Nin Alternativa por Mondariz, con cinco concelleiros, nin o BNG, con dous, presentaron candidato.

Barcia ofreceu a todos os concelleiros do resto de grupos no pleno, un total de oito, co asento que corresponde ao Partido Socialista, entrar no Goberno local.

A idea é facer un goberno forte para evitar que suceda o que ocorreu co recentemente dimitido, incapaz de sacar adiante os orzamentos municipais, prorrogados desde 2021.

“Dimitimos todos. O bloqueo era total e absoluto. E por encima de todo están o concello e os veciños e hai que sacar cousas para adiante”, dixo no seu momento o rexedor dimitido, Xoán Carlos Montes Bugarín.

O PP, con 3 concelleiros nunha corporación de once edís, deberá negociar a tres bandas para sacar adiante iniciativas no pleno, comezando polos orzamentos municipais, xa que as conversacións que mantivo cos distintos grupos para que entren a formar parte do goberno non frutificaron, polo menos de momento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade