Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta propón posibles fusións voluntarias de municipios galegos para unha mellor prestación de servizos

A Xunta propón posibles fusións voluntarias de municipios galegos para unha mellor prestación de servizos

Son os concellos, de forma voluntaria, os que deben decidir os mecanismos máis acomodados de asociacionismo e cooperación intermunicipal

G24.gal 19/09/2024 16:23 Última actualización 19/09/2024 16:41

A Xunta presentou o estudo 'Reforma do mapa municipal de Galicia' que analiza distintas formas de cooperación intermunicipal para a prestación de servizos e apunta a posibles fusións de municipios galegos aínda que o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, remarcou que se trata de decisións voluntarias por parte dos concellos.

O estudo realizado pola Fundación Juana de Vega fai unha análise das experiencias das dúas únicas fusións de Galicia: a de Oza-Cesuras (A Coruña) e de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra); e establece unha comparación entre a situación previa á unión e a actual.

Á súa vez, realízase unha “simulación teórica” de posibles fusións de municipios galegos: Santiago e Teo; Noia e Lousame; Sanxenxo e Meaño; Alfoz e Valadouro; O Pereiro de Aguiar e Nogueira de Ramuín.

Tamén lanza dúas propostas referentes aos concellos do Deza, na que apunta dúas variables; unha que uniría a toda a comarca (Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruzamentos) e outra só para Lalín, Rodeiro e Dozón.

Con todo, na presentación do estudo na que participaron técnicos, académicos e xestores municipais, insistiuse en que esta proposta se basea en cuestións puramente económicas e non atende a outras realidades como a sociodemográfica.

Nesta liña, o conselleiro da Presidencia aclarou que son os propios concellos, de forma voluntaria, os que deben decidir os mecanismos máis acomodados de asociacionismo e cooperación intermunicipal, que poden ser, entre outros, compartindo postos de secretaría, intervención ou tesourería entre varios municipios, establecendo agrupacións ou mancomunidades, ou mediante fusións.

O obxectivo, segundo dixo, é conseguir que a veciñanza teña un acceso igualitario aos servizos con independencia do lugar no que resida e, ao mesmo tempo, se poida facer fronte a desafíos da demografía galega como o envellecemento ou o despoboamento.

Arredor desta cuestión, remarcou que o estudo sobre a planta local galega encargado pola Xunta á Fundación Juana de Vega e ás tres universidades galegas recolle unha enquisa a un milleiro de galegos e galegas coa súa opinión sobre as fusións municipais e outras alternativas de adaptación da planta local.

Como resultado, desvelou, as primeiras conclusións mostraron que a cidadanía ten unha predisposición favorable á fusión voluntaria dos concellos con ata un 83 %, e considera que a redución do número destes melloraría a súa capacidade de prestación de servizos.

Con todo, a porcentaxe redúcese cando se pregunta polas fusións no propio concello.

Calvo lembrou que a Xunta está a traballar na reforma da Lei de Administración Local de Galicia de 1997 e precisamente busca avances relacionados coa cooperación, a coordinación e na colaboración con ferramentas que garantan a calidade dos servizos municipais no actual contexto demográfico con especial apoio aos concellos en risco de despoboamento.

Incidiu en que a viabilidade dos concellos ten moito que ver co financiamento local, polo que opina que a súa negociación ten que ir asociada á do financiamento autonómico entre o Goberno central e as comunidades. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade