O paro baixa en 222.600 persoas e a ocupación marca un récord de 21,7 millóns
O paro baixa en 222.600 persoas e a ocupación marca un récord de 21,7 millóns
Son datos da Enquisa de Poboación Activa do segundo trimestre
A taxa de paro, no 11,27 %, é a máis baixa desde 2008
En Galicia o número de parados caeu en 11.800 persoas, e a taxa queda nun 9,54%
O paro baixou en 222.600 persoas no segundo trimestre do ano, o cal supón case un 7,5 % menos que no trimestre anterior, mentres que a ocupación aumentou en 434.700 postos de traballo (2 %), principalmente empregados no sector servizos, informou este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE).
Ao finalizar xuño, o número total de parados situouse en 2.755.300 persoas, un 11,27 % de taxa de paro, a máis baixa desde 2008, cun descenso de máis dun punto no último trimestre. Ao mesmo tempo, o número de ocupados alcanzou un novo máximo histórico, con 21.684.700 traballadores.
O Ministerio de Economía, Comercio e Empresa resaltou que os datos da Enquisa de Poboación Activa do segundo trimestre "constatan o comportamento histórico do emprego, con cifras récord de ocupación e tamén de poboación activa", que aumentou en 212.100 persoas entre abril e xuño, ata os 24,4 millóns, "o cal pon de manifesto a confianza dos traballadores no dinamismo do mercado laboral".
O ministro Carlos Cuerpo salienta o aumento en 220.000 neste período do número de fogares con todos os seus membros ocupados, ata chegar aos 11.765.000, e o "mínimo histórico" de 870.000 (110.000 menos que o trimestre anterior) na situación contraria, con todos os membros en paro.
O descenso do paro no segundo trimestre deste ano é inferior ao rexistrado no mesmo período de 2023 (-365.300 desempregados) e 2022 (-255.300), pero supera o rexistrado en 2021, cando baixou en 110.100 persoas.
Entre abril e xuño, a taxa de actividade repuntou case tres décimas, ata o 58,9 %, tras incrementarse o número de activos en 212.100 persoas respecto ao trimestre anterior (0,9 %).
No último ano o paro reduciuse en 52.900 persoas (1,9 %) e creáronse 426.300 empregos (2 %), mentres que o volume de activos se incrementou en 373.300 persoas (1,5 %).
Segundo o INE, o número de asalariados incrementouse no segundo trimestre en 377.100 persoas (2,09 %), cun aumento do emprego indefinido de 272.000 persoas (1,8), ata rozar os 15,5 millóns de traballadores, e unha repunta do temporal de 105.100 asalariados (3,7 %). Deste xeito, a taxa de temporalidade situouse no 15,95 %.
O Departamento que dirixe Cuerpo destacou ademais "o gran dinamismo do sector privado", que no segundo trimestre superou por primeira vez os 18,12 millóns de ocupados, creando máis do 98 % dos empregos entre abril e xuño. Tamén fixo fincapé na "positiva" evolución das horas traballadas, que no segundo trimestre se incrementaron un 5,6 %.
Valoración tamén positiva desde o Ministerio de Traballo. Yolanda Díaz cre que estes datos son o froito das políticas activas de emprego do Goberno, e subliña a reducción da temporalidade.
Galicia chega a 1,13 millóns de ocupados e a taxa de paro cae un punto
O mercado laboral sumou en Galicia 7.800 ocupados no segundo trimestre do ano, un 0,7 %, e chega a 1.135.600 empregados, mentres que o número de parados caeu en 11.800 persoas, 8,97 %, e deixa en 119.800 as persoas desempregadas.
Segundo os datos da EPA, a taxa de paro situouse así no 9,54 %, case un punto por baixo do trimestre anterior, cando chegou ao 10,45 %.
Os datos do último ano, en comparación co segundo trimestre de 2023, deixan en Galicia 2.600 parados máis, un 2,25 %, debido principalmente a que o número de activos nese período, que chega a 6.500, creceu máis que o número de ocupados, que queda en 3.800.
No conxunto de España o paro caeu nos últimos doce meses en 52.900 persoas, un 1,88 % menos.
En Galicia, a taxa de actividade situouse o segundo trimestre do ano no 53,01 %, polo 58,9 % no conxunto de España.
Por sexos, a taxa de paro dos homes en Galicia cae ata o 8,94 % e a das mulleres sobe ata o 10,19 %, un patrón que se repite de modo inverso na taxa de actividade: a dos homes sitúase no 57,48 % e a das mulleres cae por baixo do 50 %, ata o 48,94 %.
De xuño a abril había en Galicia 591.000 homes ocupados e 58.000 en paro. En cambio, as mulleres ocupadas quedaban en 544.600 e as desempregadas chegaban a 61.800.
A pesar da subida de activos nos últimos doce meses, o número no segundo trimestre redúcese en Galicia en 4.000 persoas, un 0,32 %, mentres que sobe no conxunto de España case un punto, 0,88 %, ata os 212.100 máis de abril a xuño.