A oficina de atención ao peregrino chega á barreira das 100.000 compostelas
A oficina de atención ao peregrino chega á barreira das 100.000 compostelas
Este ano poderían selarse máis certificados ca no ano 2019
No ecuador do ano, xa se entregaron preto de 100.000 compostelas, unha cifra importante se temos en conta que en todo o 2021 recibiron este certificado un total de 180.000 persoas. Antes da pandemia, en 2019, expedíronse 350.000, un dato que aínda se pode superar.
Haberá que agardar a evolución dos vindeiros meses, pero a radiografía actual das rutas de peregrinación a Santiago é alentadora.
O tránsito pola praza Maior de Barbadelo, unha pequena aldea de Sarria situada no Camiño Francés, é constante. No medio, un negocio hostaleiro atende os grupos de peregrinos que pasan a diario.
O seu xefe, Antonio, pensa que se non fose polo Camiño, en lugares coma este apenas quedarían dous veciños e catro vacas.
100.000 compostelas
Esta fin de semana emitirase a compostela número 100.000, toda unha marca para estarmos no mes de xuño, o mellor dato de sempre. Ata o de agora chegaron peregrinos de 150 nacionalidades.
Entre as estranxeiras está María, unha francesa de 37 anos que peregrina soa dende León nunha cadeira de rodas eléctrica.
O Xacobeo 21-22 está traendo máis peregrinos ca antes da pandemia, reforzando os distintos camiños como fontes de riqueza cultural, espiritual, experiencial e, tamén, económica.