Dous detidos polo asasinato do irmán de Begoña Villacís
Dous detidos polo asasinato do irmán de Begoña Villacís
Estaban agochados na localidade toledana de Yuncos
Un dos arrestados sería o autor material dos disparos
Axentes dos Grupos Especiais de Operacións detiveron en Yuncos, provincia de Toledo, o presunto autor dos disparos que acabaron coa vida de Borja Villacís.
"Escoitei como disparos, saín á porta e vin como un Mercedes da policía atravesaba o campo. Foron correndo pola beira da calzada, apareceu un policía da Secreta por esta rúa, díxolle 'alto, policía!' e parou", conta un veciño.
Outro explica que "logo viñeron a Garda Civil e a Policía Local de aquí de Pinos de Yuncos e detiveron tamén o outro".
O segundo implicado foi arrestado nunha casa que os veciños crían que estaba abandonada. Era o desenlace dunha operación que se levaba preparando toda a noite e que levou helicópteros, drons e un gran número de axentes a esta localidade de 11.000 habitantes a 60 quilómetros de Madrid.
O presunto asasino foi sorprendido nun vídeo gravado onte abandonando o vehículo minutos despois do crime. A súa nai foi arrestada o martes como posible cómplice.
A hipótese que manexan os investigadores é que Borja Villacís quedara cos seus presuntos asasinos para dirimir algunha diferenza nun asunto de drogas que acabou de mala maneira.
A exvicealcaldesa de Madrid Begoña Villacís agradeceu as mostras de cariño recibidas e eloxiou a profesionalidade dos policías.