A Policía Local de Pontevedra detén un mozo por ameazar cunha navalla varias pasaxeiras dun bus
A Policía Local de Pontevedra detén un mozo por ameazar cunha navalla varias pasaxeiras dun bus
Detivérono por un presunto delito de ameazas, danos e incumprir a orde xudicial que lle prohibía levar armas
O mozo comezou intimidar varias persoas no autobús cando facía o traxecto entre Vigo e Pontevedra, contra as once da noite.
"En principio, meteuse con dúas rapazas que estaban nos asentos dianteiros, tiroulles papeis ao pelo, logo ameazou coa navalla, con que lles ía cortar o pescozo se non calaban e causou danos nos asentos", di Manuel Omil, voceiro da Policía Local de Pontevedra.
O mozo ía na parte de atrás do vehículo, polo que nin o condutor nin a maior parte dos pasaxeiros se decataron do que ocorría. Por sorte, unha testemuña alertou a Policía Local de Pontevedra, que axiña mobilizou varias patrullas e localizou o individuo na rúa Alcalde Hevia.
"Aí prodúcese a identificación. Trátase dun mozo de 20 anos. Detectamos que levaba unha navalla de 20 centímetros de folla e cunha orde de que non podía levar ningún tipo de arma".
Detivérono por un presunto delito de ameazas, danos e incumprir a orde xudicial que lle prohibía levar armas. A policía insiste en que, cando se producen situacións deste tipo, hai que avisar canto antes as forzas de seguridade para facilitar, como ocorreu neste caso, a detención do presunto agresor.