Publicador de contidos
Publicador de contidos

A policía rexistra a Consellería de Sanidade do Goberno das Canarias polo caso das máscaras

A policía rexistra a Consellería de Sanidade do Goberno das Canarias polo caso das máscaras

Este rexistro realízase porque entre os investigados atópase o exdirector do Servizo Canario de Saúde Conrado Domínguez, quen este luns, 6 de maio, estivo ante a Fiscalía Europea, aínda que se acolleu ao seu dereito a non declarar

O exdirector do SCS está investigado por presuntos delitos de tráfico de influencias e prevaricación administrativa

G24.gal 09/05/2024 10:26 Última actualización 09/05/2024 14:59

Axentes da Unidade Central de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía Nacional das Palmas e de Madrid, segundo indicaron a Europa Press, entraron sobre as 08:25 horas deste xoves na sede da Consellería de Sanidade do Goberno de Canarias para buscar información sobre o caso Máscaras.

Este rexistro realízase porque entre os investigados atópase o exdirector do Servizo Canario de Saúde Conrado Domínguez, quen este luns, 6 de maio, estivo ante a Fiscalía Europea, aínda que se acolleu ao seu dereito a non declarar. Domínguez acudiu en calidade de investigado nunha causa na que se investigan os catro millóns de euros pagos durante a pandemia a unha empresa por un millón de máscaras que non chegaron a ser recibidas.

O exdirector do SCS está investigado por presuntos delitos de tráfico de influencias e prevaricación administrativa. Presentou a súa dimisión en novembro de 2022, tras dous anos no cargo durante o Goberno autonómico do socialista Ángel Víctor Torres, agora ministro de Política Territorial e Memoria Democrática. En concreto, o Ministerio Público europeo pon a lupa no pago de catro millóns de euros por adiantado á empresa RR7 United por máscaras que nunca foron entregadas. Foron destruídas por axentes de Aduanas no Porto da Luz tras chegar un cargamento procedente de Etiopía e constatarse que estaban falsificadas.

Tras unha querela da Fiscalía Anticorrupción das Palmas, o órgano comunitario investiga a Domínguez e tamén, entre outros, a Rayco González -administrador da empresa RR7- por estafa agravada e branqueo de capitais, e á exdirectora xeral de Recursos Humanos do SCS, Ana María Pérez, por prevaricación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade