Publicador de contidos
Publicador de contidos

A policía poderá suspender un evento deportivo se se producen incidentes racistas

A policía poderá suspender un evento deportivo se se producen incidentes racistas

A lei tipifica como infracción calquera conduta que supoña comportamentos violentos, racistas, xenófobos e intolerantes

Expulsados da competición dous xogadores sub-16 do Rápido de Bouzas por insultos racistas

G24.gal 03/07/2023 11:56

As Forzas de Seguridade poderán suspender e desaloxar de forma inmediata os eventos deportivos en que se produzan incidentes violentos, racistas e discriminatorios, segundo establece unha instrución de Interior que pretende dar resposta á "profusión" deste tipo de comportamentos nos partidos.

A circular do secretario de Estado de Seguridade Rafael Pérez reforza e mellora os instrumentos dos axentes nos estadios tras casos de insultos racistas como os que recibiu o xogador do Real Madrid Vinícius no encontro ante o Valencia no estadio de Mestalla.

O Coordinador de Seguridade poderá propoñer ao árbitro non iniciar, paralizar ou suspender a súa celebración, e desaloxar parte ou a totalidade do recinto cando teñan lugar sucesos que supoñan ou inciten á violencia, ou sexan actos racistas, xenófobos ou intolerantes, informou o Ministerio do Interior.

Esta figura introducida pola Lei contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte é sempre un membro das Forzas de Seguridade, que dirixe e organiza o dispositivo policial para protexer a celebración dos eventos deportivos e coordina a Unidade de Control Organizativo.

O obxectivo da instrución é dar resposta "á profusión de incidentes rexistrados en eventos deportivos cando á calor da rivalidade competitiva e ao amparo da sensación de impunidade que transmite o anonimato da masa, certos afeccionados expresan un discurso agresivo de intolerancia, odio e discriminación cara ao rival, con frecuencia con tinguiduras racistas, xenófobas ou homófobas".

Uns comportamentos que, en casos extremos, poden levar á comisión de delitos de odio ou doutros actos antisociais e violentos, segundo Interior.

Entre os comportamentos que poden orixinar a suspensión dunha competición ou o desaloxo figuran as declaracións con intención de ampla difusión en que se ameace, insulte ou vexe a alguén por razón da súa orixe racial, étnica, xeográfica ou social, relixión, conviccións, discapacidade, idade, orientación e identidade sexual, expresión de xénero ou características sexuais.

Tamén en casos de acoso no recinto deportivo, nos seus arredores ou nos medios de transporte públicos, cuxo obxectivo sexa atentar contra a dignidade do acosado e crear unha contorna intimidatoria, humillante ou ofensiva.

As declaracións, xestos ou insultos neses espazos, e a entoación de cánticos, sons ou consignas mais a exhibición de pancartas, bandeiras, símbolos ou outros sinais con mensaxes vexatorias ou intimidatorias é outro dos comportamentos que poden orixinar a suspensión.

Os coordinadores de seguridade propoñerán ao árbitro ou xuíz deportivo a suspensión temporal do encontro mentres duren os incidentes ou se realiza o desaloxo parcial ou total da bancada, para a súa continuación posterior, ou ben a suspensión definitiva.

En todo caso, a instrución lembra que o axente poderá decretar por propia iniciativa o desaloxo, en supostos urxentes de alteración da seguridade pública ou grave risco, unha vez esgotados os chamamentos para restablecer a orde e cando non exista posibilidade inmediata diso.

A lei tipifica como infracción calquera conduta que supoña comportamentos violentos, racistas, xenófobos e intolerantes, que poden ser cometidos tanto polos espectadores como polos organizadores do espectáculo deportivo, con independencia de que se produzan no recinto, nos seus arredores ou nos medios de transporte públicos ou organizados que se dirixan ao lugar de competición, ou se divulguen a través de medios de difusión.

No caso dos organizadores é tamén sancionable a permisividade, a organización, participación activa ou a incentivación e promoción deste tipo de condutas, e tamén o apoio a actividades de peñas, asociacións, agrupacións ou grupos de afeccionados que incumpran a lei.

O coordinador pode levantar informe ou denuncia ante a negativa para colaborar ou a deficiente colaboración por parte do organizador, e pola gravidade dos acontecementos e a súa evolución.

Ademais, pode instar a apertura de expedientes sancionadores polas infraccións á lei e levantar o correspondente atestado para os efectos de depuración de responsabilidade penal, administrativa ou disciplinaria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade