Publicador de contidos
Publicador de contidos

A policía tailandesa entrega á Fiscalía o informe de investigación contra Daniel Sancho

A policía tailandesa entrega á Fiscalía o informe de investigación contra Daniel Sancho

Agora a Fiscalía debe realizar o seu propio informe, que ten que entregar ao tribunal de Samui antes do 28 de outubro

Descoñécese se o informe final mantén as mesmas acusacións; durante este tempo a policía foi compartindo detalles da investigación

G24.gal 02/10/2023 13:57

A policía tailandesa concluíu tras dous meses de traballo o informe da investigación sobre o suposto asasinato e despezamento do colombiano Edwin Arrieta por parte do español Daniel Sancho e entregou este luns o informe á Fiscalía da illa de Samui.

A Fiscalía de Samui confirmou a EFE que recibiu este o informe por parte da comisaría de policía da illa veciña de Phangan, onde tivo lugar o suposto crime o pasado 2 de agosto. Agora a Fiscalía debe realizar o seu propio informe, que ten que entregar ao tribunal de Samui antes do 28 de outubro, momento a partir do cal o xuíz poderá fixar unha data para a celebración do xuízo.

Descoñécese se o informe final mantén as mesmas acusacións; durante este tempo a Policía foi compartindo detalles da investigación, cuxa cara visible foi o número dous do corpo, Surachate Hakparn, agora obxecto dunha investigación por suposta corrupción por un caso alleo ao de Sancho.

Segundo un documento policial preliminar, a investigación do caso involucrou unhas 30 persoas, entre axentes, investigadores, forenses e mergulladores, ademais de 20 testemuñas. Sancho, de 29 anos, foi detido o 5 de agosto en Phangan, tras confesar o asasinato e despezamento do cirurxián colombiano, cuxos restos foron esparexidos pola illa e o mar, tres días antes.

Segundo fontes policiais, a dilación á hora de pechar o caso -que Surachate deu por concluído a mediados de agosto- debeuse á falta de resultados de análises de sangue e ADN que analizaban varios laboratorios aos que se mandaron as probas desde Phangan.

O mozo atópase sen avogado en Tailandia desde o 7 de setembro, despois de que o actor español Rodolfo Sancho, pai do acusado, prescindira dos servizos do avogado tailandés Anan Chuayprabat (Kunh Anan) por "discrepancias na defensa".

Sancho, que desde o seu ingreso en prisión comparece regularmente ante o xuíz de maneira telemática, deberá contar cun avogado tailandés unha vez que comece o xuízo, e en caso de non telo, o xuíz asignaralle un de oficio

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade