A policía xaponesa admite fallos de seguridade no mitin de Shinzo Abe
A policía xaponesa admite fallos de seguridade no mitin de Shinzo Abe
Investigan os motivos do detido polo magnicidio para cometer o crime
O funeral polo exprimeiro ministro xaponés está previsto para o martes
O cadáver de Shinzo Abe foi trasladado ao seu domilicio de Toquio, arroupado pola súa viúva, que acompañou o féretro desde Nara, ao oeste do país, onde foi asasinado.
Membros do seu partido, achegados, persoas anónimas e prensa recibiron a comitiva ás portas da casa. Está previsto que o funeral polo exprimeiro ministro xaponés se celebre o martes.
No lugar do magnicidio en Nara sucédense as mostras de condolencia. Improvisouse un altar, onde os cidadáns están a deixar flores. Moitos coinciden en sinalar, ademais da conmoción, a súa incredulidade ante un crime como este no Xapón, un dos países co índice de criminalidade máis baixo.
Houbo fallos na seguridade
A Policía xaponesa admite fallos na seguridade do mitin en que mataron a Abe e segue investigando os motivos do crime. O detido, un exmilitar desempregado, nega o móbil político.
Di que atentou contra Shinzo Abe polos supostos vínculos do exmandatario cunha organización relixiosa, á que culpa de arruinar economicamente a súa nai.
Os investigadores, que atoparon máis armas e explosivos caseiros no rexistro da vivenda do home, cren que planificou o ataque con antelación tras estudar os actos electorais que ía facer o político e realizar prácticas de tiro.
As autoridades decidiron retomar a campaña para facer prevalecer a democracia pero acordaron revisar e reforzar a seguridade. Máis dun votante admite ter medo e dubida se acudirá mañá ás urnas.