A Pontenova estrea a tirolina máis grande de Galicia
A Pontenova estrea a tirolina máis grande de Galicia
Ten 330 metros de lonxitude e 80 metros de alto.
Pódese visitar o interior dunha antiga mina de ferro.
O percorrido comeza cunha ruta de sendeirismo ata chegar ao complexo histórico-recreativo da Mina Consuelo-Boulloso que ofrece experiencias únicas como a de percorrer as galerías dunha antiga mina de ferro.
"Chama a atención que dende a entrada, que eran galería de avance, está moi naturalizada e parece unha cova, de feito ten as formacións típicas dunha cova natural", conta Carlos Pardo, responsable da oficina de turismo da Pontenova.
"Agora que baixar ao nivel menos un, é doutro mundo", opina unha das primeiras persoas en visitar a mina.
A poucos metros agarda outro grande aliciente para os máis aventureiros, a tirolina máis longa de Galicia.
"Mide máis de 300 metros de lonxitude e no seu punto máis alto acada os 80 metros e unha velocidade duns 60 quilómetros por hora", explica Antonio Varela, un dos monitores da actividade.
Todo está integrado en plena natureza e aproveitando o legado mineiro da vila. A tirolina cruza o río Turia e recrea o percorrido do antigo funicular aéreo que tiña a mina e no que se trasladaba o mineral ata a outra ladeira na que había un forno de fundición.
"Xenial, a experiencia un dez".
"Tíñalle algo de respecto pero moi ben".
"Foi moi rápido e moi ben, eu quería que durara máis".
Baixo reserva e con visitas guiadas a historia e o divertimento cítanse nesta nova experiencia turística da Pontenova.