Detido en Lugo tras acoitelar, por erro, o camareiro dun bar
Detido en Lugo tras acoitelar, por erro, o camareiro dun bar
O presunto agresor asegurou que confundira a vítima co porteiro doutro local que acababa de botalo do establecemento
A vítima permanece ingresada no HULA con feridas no peito e nun ombro
En Lugo detiveron un home como presunto autor dun delito de lesións agravadas tras acoitelar a un camareiro por erro.
A vítima, que traballa nun establecemento próximo ao lugar do ataque e saíra a tomar algo ao finalizar a súa xornada laboral, foi increpada por un grupo de mozos na rúa Clérigos. Nun momento da liorta, un dos atacantes sacou unha navalla, apuñalouno e fuxiu.
As persoas que presenciaron o ataque avisaron a policía e a emerxencias.
"A esas horas da madrugada había moita confluencia de xente. Foi atendido inmediatamente polas persoas que estaban alí taponando a ferida. A ambulancia chegou enseguida", di Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional en Lugo.
Varias patrullas da Policía Nacional acudiron ao lugar e, pouco despois, detiveron o presunto agresor no centro de Lugo. Grazas ás indicacións das testemuñas, o agresor foi localizado e detido pouco despois.
"Recóllense alí as primeiras informacións e coa descrición que dan e a gran despregadura policial estaba detido e trasladado á Comisaría cinco minutos máis tarde", comenta Arias.
Este relatoulles que acoitelou a vítima "para vingarse", ao confundila co porteiro doutro local que o botara do establecemento horas antes do ocorrido.
A policía continúa coas pescudas: "Fálase dun motivo concreto para a agresión pero imos agardar aos investigadores que fagan o seu traballo e que logo sexa o xulgado quen decida".
O detido quedou en liberdade tras pasar a disposición xudicial. O xuíz impúxolle unha orde de afastamento da vítima e do pub en que este traballa.
O suceso causou unha gran conmoción entre os hostaleiros da zona histórica, porque a vítima é un camareiro coñecido. O home ingresou no hospital con prognóstico reservado, pero evoluciona favorablemente das súas feridas.