A Porta da Felicidade está na Ribeira Sacra
A Porta da Felicidade está na Ribeira Sacra
A asociación de veciños Móvete por Nogueira instalou unha porta aberta no miradoiro do Péndulo
A porta ten vistas ao río Miño, a parte máis descoñecida da Ribeira Sacra
Tocando o ceo ábresenos a porta do Paraíso. Unha porta que non precisa chave, porque sempre está aberta.
Chelo Durán Fernández, asociación Móvete por Nogueira: "Abrir as portas aos visitantes, darlles un recibimento. Algúns chámanlle a porta da felicidade, outros a porta do paraíso... Unha porta que sempre estará aberta para quen queira vir vela".
Pasar a través dela é entrar nunha dimensión descoñecida, ou non tan coñecida, da Ribeira Sacra: a que nos debuxa o río Miño desde A Peroxa ata a mesma cidade.
Pepe Soto Álvarez, veciño de Pacios: "A entrada do Miño en Ourense. É moi bonito, vese Velle, Sabadelle, e todo iso por aí arriba".
Pepe, veciño da zona, axudou na instalación. Traballo lles custou, di, suxeitar o marco no aire, cravado á rocha, pero a recompensa pagou a pena. Así, outros verán o que el leva toda a vida contemplando.
"Aquí atópome moi cómodo. É onde me criei, onde viña coas vacas cando era neno. Hai moita paz e tranquilidade, aquí", asegura Pepe.
A asociación Móvete por Nogueira, responsable doutros éxitos como o Bambán do Solpor ou a Trona dos Pensamentos, quere promover con esta iniciativa o patrimonio e o turismo da zona menos concorrida da Ribeira Sacra.
Chelo Durán Fernández, asociación Móvete por Nogueira: "Durante moitos anos, Luíntra foi zona de paso á Ribeira Sacra, a porta, pero facíanos falta potenciar o turismo".
Iso si, recomendan visitalo no solpor, cando as últimas raiolas do día se filtran pola porta da felicidade.