Publicador de contidos
Publicador de contidos

A praga da couza da pataca avanza na Coruña e retrocede en Lugo

A praga da couza da pataca avanza na Coruña e retrocede en Lugo

Decláranse novas zonas de corentena en oito parroquias de Carral, Fene e Abegondo

Nelas queda prohibido o cultivo, a venda ou o almacenamento do tubérculo

G24.gal 28/02/2024 14:12

"Se vos fixades, case todas as patacas da caixa están algo tocadas".

Escoitan a César, un veciño de Santa Baia de Cañás, en Carral, unha das oito novas parroquias infestadas pola couza guatemalteca. Sempre botaba unhas poucas patacas para comer na casa, pero este ano toca compralas no supermercado.

"Xa cando as apañamos o ano pasado notamos que estaban picadas, pero co tempo vai a máis", explica César.

Para David, outro veciño de Cañás, o aviso da prohibición de cultivar pataca chega tarde posto que xa botou as de cedo. Agora terá que retiralas, e tampouco poderá sementar as de marzo.

"O forte da sementeira é polo San Xosé e a Semana Santa, os veciños poñen unhas poucas para casa e algúns xa tiñan o terreo preparado", comenta David.

Os que teñan tubérculos almacenados deberán de comunicalo na oficina rural para que procedan á súa destrución. Os almacéns non poderán vender semente e as parroquias limítrofes convértense en zonas tampón onde se pode plantar, pero avisando os servizos oficiais.

"Se iso serve para controlar o avance paréceme ben, como chegue a zonas produtoras como Coristanco ou Xinzo con plantacións grandes pode ser unha desfeita", di César.

Para saber cara a onde viaxa a praga e actualizar o mapa, Medio Rural distribúe estas trampas de feromonas que atraen a couza e delatan a súa presenza ou ausencia nas diferentes parroquias.

Os datos falan, segundo a Xunta, dunha "mellora significativa" na contención da praga, que desaparece de Burela e dalgunhas parroquias de Arteixo e A Laracha. Neses puntos levántase a prohibición do cultivo despois de dous anos sen detectar o organismo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar