Publicador de contidos
Publicador de contidos

A presenza de condenados por asasinato nas listas de Bildu altera o debate político horas antes do inicio da campaña

A presenza de condenados por asasinato nas listas de Bildu altera o debate político horas antes do inicio da campaña

Covite denuncia que 44 integrantes teñen condenas por pertenza a ETA e sete deles por asasinato

Sánchez evita valoralas e o voceiro socialista recoñece que non lle "gusta nada"

Feijóo recrimínalle a Sánchez que convertera aos abertxales en socios do Goberno, mentres Podemos pide máximo respecto ás candidaturas

Bildu di que todos os seus candidatos teñen intactos todos os dereitos, tamén os políticos
G24.gal 10/05/2023 14:21 Última actualización 10/05/2023 14:45

A denuncia parte do colectivo de vítimas do terrorismo, Covite. Estudaron o historial de todos os candidatos á formación e aseguran que 44 integrantes teñen condenas por pertencer á ETA, 7 deles por asasinato. Sinalan entre outros a Agustín Muiños Díaz, alias Tinin, Asier Uribarri, Lander Maruri ou Juan Ramón Rojo. 

Bildu defende que todos os candidatos cumpren os requisitos legais, que teñen "intactos todos os seus dereitos, tamén os políticos", e din que están "moi tranquilos". A esquerda abertxale atribúe esta polémica "ao nerviosismo do resto dos partidos polo inminente inicio da campaña electoral".

Na defensa de Bildu saíron aliados tradicionais no Congreso como Podemos ou Esquerra. Os republicanos din que "fan política" e inciden en que Bildu "é unha forza importantísima e que a ETA xa non existe desde hai máis dunha década".  

A ministra de Igualdade, Irene Montero, defende que Bidu "é un partido democrático que elixe as súas listas polos procedementos que considera oportunos. Nos corredores do Congreso pide "máximo respecto pola lei electoral", segundo a cal cada partido elixe os seus candidatos. 

O PP recrimínalle ao presidente do Goberno que convertera a formación abertxale en socios do executivo. Alberto Núñez Feijóo di que a presidencia do Goberno non pode "descansar nun partido como Bildu despois de ver que persoas condenadas por asasinato nas súas listas". 

O presidente Pedro Sánchez evitou a polémica no Congreso malia os intentos do PP. Pero si se posicionou o voceiro socialista no Congreso. Patxi López recoñece que "non lle gusta nada", e respondía incómodo a unha pregunta que evitaron os ministros socialistas.  

Polo menos catro dos candidatos incluídos nestas listas teñen opcións de conseguir escanos en base aos resultados de hai catro anos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade