A presidenta do Goberno balear visita Menorca, a illa máis prexudicada pola DINA
A presidenta do Goberno balear visita Menorca, a illa máis prexudicada pola DINA
Prohens confía en que o consello de Ministros aprobe a declaración de zona catastrófica
Os tres aeroportos van recuperando a normalidade tras a cancelación de 400 voos
As illas Baleares van recuperando pouco a pouco a normalidade tras o paso dunha DINA que provocou importantes danos materiais aínda por cuantificar e obrigou a cancelar 400 voos nos tres aeroportos.
A presidenta do Goberno autonómico visitou este sábado un dos lugares máis prexudicados, a illa de Menorca, e reiterou o seu apoio á decisión das autoridades da illa de solicitar a declaración de zona catastrófica.
Concretamente Marga Prohens visitou Es Mercadal e Alaior para comprobar os danos causados polas treboadas dos últimos días e agradecer o traballo realizado polos efectivos de emerxencias. Nestes municipios a DINA descargou máis de 200 litros por metro cadrado e provocou graves inundacións. A garda civil e a cruz vermella rescataron 16 persoas que se refuxiaron nos tellados das súas vivendas. E os servizos de emerxencias do 112 atenderon máis de 400 incidencias. Prohens mostrouse confiada en conseguir a declaración de zona catastrófica por parte do Consello de Ministros unha vez que as institucións das illas envíen toda a información sobre os danos causados pola DANA.
"Pero ao mesmo tempo desde o Goberno das illas baleares imos avaliar tamén estes danos e estudar a posibilidade de abrir unha liña de axudas con fondos propios e axudar tamén con persoal na tramitación administrativa destas axudas para que cheguen canto antes aos veciños que están aínda facendo reconto de danos limpando".
As fortes treboadas obrigaron a cancelar 400 voos. Centos de pasaxeiros soportaron atrasos continuos e cancelacións e moitos tiveron que pasar a noite nos aeroportos. A situación vai mellorando pouco a pouco grazas ao reforzo do número de controladores, mentres as compañías intentan reprogramar as súas operacións.