Publicador de contidos
Publicador de contidos

A princesa Leonor agradece e hospitalidade de Portugal na súa primeira viaxe ao estranxeiro

A princesa Leonor agradece e hospitalidade de Portugal na súa primeira viaxe ao estranxeiro

A herdeira da Coroa española foi recibida con honras de xefe de Estado

G24.gal 12/07/2024 14:59

A princesa Leonor cumpre hoxe cun novo fito na súa preparación como herdeira da Coroa. Cumpridos os 18 anos, xurada a Constitución e superado o seu primeiro ano de formación militar, afronta a súa primeira viaxe oficial en solitario ao estranxeiro.

A filla maior dos reis foi despedida con honores no pavillón de Estado do aeroporto de Baraxas, dende onde voou a Lisboa en compañía do ministro de Asuntos Exteriores.

No aeródromo militar da capital lusa agardaba o presidente da República, anfitrión de Leonor, que volveu demostrar a estreita relación persoal que une as dúas xefaturas de Estado. A visita oficial comezou nun dos lugares emblemáticos de Lisboa, o mosteiro dos Xerónimos.

Alí a princesa realizou unha ofrenda ante a tumba do escritor e poeta Luís de Camões, figura das letras portuguesas, un acto reservado para os xefes de Estado estranxeiros.

Dende alí a comitiva desprazouse ao Palacio de Belém, residencia oficial da presidencia. A elección de Portugal para inaugurar a axenda internacional de Leonor responde aos lazos históricos, sociais e culturais que unen os países veciños. E como mostra, Rebelo de Sousa condecorou a princesa coa banda da gran Cruz da Orde de Cristo, un dos principais recoñecementos institucionais. 

E a esta relación referiuse a filla dos reis, que no brinde lembrou o vínculo familiar de afecto con Portugal: "Os meus pais faláronme con grande afecto, con "saudade", das súas visitas a Portugal, do cariño que recibiron nas súas rúas, e de como fixestes que se sentiran sempre na casa, así me sinto eu hoxe". E mesmo se atreveu co seu idioma para brindar polas "magníficas relacións" bilaterais.

A viaxe, que durará unhas seis horas, continuará cunha visita ao Oceanário de Lisboa. Alí a princesa de Asturias reunirase con mozos científicos que traballan en labores de conservación mariña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade