Á prisión a nai que tirou a súa filla ao lixo en Mallorca
Á prisión a nai que tirou a súa filla ao lixo en Mallorca
O cuñado da muller tamén está imputado por asasinato e sometido a prisión comunicada sen fianza
A irmá da nai quedou en liberdade provisoria con cargos
A titular do xulgado de instrución 3 de Manacor Rosa Isern ditou este luns a orde de ingreso en prisión para a nai da bebé lanzada ao lixo en Porto Cristo e para o seu cuñado, aos cales atribúe un delito de asasinato. Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Baleares, os dous imputados por asasinato estarán sometidos a prisión comunicada sen fianza e á outra detida retiróuselle o pasaporte e impóñenselle comparecencias periódicas.
O xefe da comisaría da Policía Nacional de Manacor Gustavo Cervero explicou este luns nunha conferencia de prensa que as investigacións apuntan a que, á falta da determinación definitiva da autopsia, a nai deu a luz no coche de camiño ao hospital acompañada pola súa irmá e o seu cuñado. Ademais, os datos recompilados pola policía subscriben que a muller, que estaba embarazada dunhas 27 semanas, comezou a atoparse mal, tivo que ir urxentemente ao hospital de Manacor coa súa irmá e o seu cuñado.
Durante o traxecto, a nai deu á luz a nena e, por causas descoñecidas, os tres pasaxeiros do coche decidiron guindar a meniña, viva e cuns 800 gramos de peso, a un contedor de residuos situado a medio quilómetro do hospital, indicaron as fontes policiais. Ao redor das 18 horas do xoves 2 de novembro chegou un aviso dun home que viu unha persoa lanzar un vulto nun contedor. Este vulto era a bebé, e das teas en que estaba envolta caeu a placenta e o cordón umbilical. Cervero precisou que o bebé falecido presentaba un traumatismo cervical.
As investigacións para atopar a nai da bebé levaron a policía ata un centro sanitario onde recibía asistencia médica. Pouco antes das 22 horas do venres, a muller foi detida no seu domicilio de Porto Cristo e levada ata un hospital, pois aínda estaba afectada polo parto prematuro sen atención sanitaria.
Á mañá seguinte foron detidos en Son Servera os outros dous sospeitosos que acompañaban a muller no coche, a irmá da nai e a súa parella. Por outra banda, o pai da nena falecida non sabía o que sucedera, xa que se atopaba na península.