Publicador de contidos
Publicador de contidos

A produción nas bateas baixa un 30 % e cae a comercialización do mexillón fresco

A produción nas bateas baixa un 30 % e cae a comercialización do mexillón fresco

Galicia queda por baixo das 250.000 toneladas ao ano

Os produtores buscan solucións a esta crise durante unhas xornadas técnicas en Vilagarcía

G24.gal 16/05/2024 14:34

Cae a produción e o consumo de mexillón. Por primeira vez en moitos anos, Galicia baixa das 250.000 toneladas ao ano. Aínda que seguimos a ser líderes mundiais no cultivo deste molusco, hai preocupación e os produtores buscan solucións a esta crise. 

Están preocupados, por exemplo, os mexilloeiros da principal organización de produtores, OPMEGA, que representa case 600 bateas e 312 socios. A crise de mexilla, pero tamén os cambios nas correntes e a elevación da temperatura da auga son algunhas das posibles causas que analizan nas VII Xornadas Técnicas sobre o cultivo en batea, que se desenvolven en Vilagarcía de Arousa.

 "É unha preocupación xeral, desde os científicos ata os produtores, para saber que está pasando. Hai unha tendencia á baixa, con cifras dun 30 % menos de produción", declarou Ricardo Herbón, o presidente de OPMEGA.

A situación tampouco é boa polos cambios abruptos no mercado, onde tras a pandemia se observa unha caída do consumo en fresco.

 "Especialmente entre os máis novos vemos unha preferencia polos formatos de conveniencia que permiten poder facer unha comida rápida ou probas receitas novas, sinxelas, internacionais", engadiu Carlota Usatorre, a responsable de Desenvolvemento Comercial de AECOC, que moderou unha mesa cos responsables das compras de peixería de Gadisa e Eroski.

Nas mesas redondas abriron o debate sobre se debería haber un compromiso conxunto, de produción e distribución, para ofrecer o produto coa maior calidade, aínda que isto signifique non vendelo durante todo o ano. Din que poñer no mercado mexillón nos meses en que ten menos carne prexudica o prestixio do mexillón.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade