Este ano abre de xeito excepcional a batea depuradora de Ferrol
Este ano abre de xeito excepcional a batea depuradora de Ferrol
Abrirá durante os meses de xullo e agosto, nos que sempre se mantivo pechada por medo a que a auga estivese quente de máis e que o marisco morrese
Nalgunhas zonas das rías, onde hai verteduras fecais sen depurar, pódese apañar marisco, pero só para venderlles ás fábricas conserveiras. Non se pode vender en fresco.
Desde hai anos, na ría de Ferrol teñen unha batea, nunha zona de auga limpa, na boca da ría, que funciona como depuradora. Os mariscadores levan alí o produto (case todo ameixa), almacénano en caixas e deixan que vaia filtrando ata que nunha semana se desfaga da contaminación.
Pero, ata agora, a batea nunca funcionara en xullo e en agosto, por medo a que a auga estivese quente de máis e que o marisco morrese. Pero este verán animáronse, sobre todo coa ameixa xaponesa, que é máis resistente, así que son optimistas.
Segundo Félix Cerqueira, asistente técnico da confraría de Ferrol, a calor é problemática "nas zonas de produción", non nas de "reinstalación".
Din que aproveitar o verán é a única opción de vender a bo prezo marisco que, doutro xeito, terían que vender moito máis barato.
Para Gustavo Chacartegui, patrón maior de Ferrol, este é o momento de vender, pois en setembro "a tendencia é de que os prezos caian".
Á batea chega marisco non só de Ferrol, senón tamén de Barallobre, Cedeira, Miño e Corcubión.