Publicador de contidos
Publicador de contidos

Mexillón de Galicia comezou a campaña de certificación en fresco deste bilvalvo

Mexillón de Galicia comezou a campaña de certificación en fresco deste bilvalvo

Os barcos chegan a porto procedentes das bateas para que o consello regulador certifique a calidade dos mexillóns

A campaña actual mellora en cantidade e calidade á do ano pasado que o sector cualificou de "desastrosa"

G24.gal 25/08/2024 15:01

A campaña do verán pasado para o mexillón galego fora, en palabras do sector, "desastrosa". Este ano a produción mellorou en cantidade e calidade. 

Este domingo en Vilanova de Arousa, procedentes das bateas, os barcos chegaban a porto e descargaban os mexillóns. Desde a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia veñen de abrir a campaña de certificación de fresco deste bivalvo.

"O ano pasado foi especialmente malo para nós, en xeral para todos os bivalvos. Acabamos de abrir a campaña de certificación da D.O.P. iso implica que o mexillón está engordando, está con carne. Ten un rendemento que se aproxima ao 20 % ou incluso máis en zonas. Agora mesmo o mexillón está en rendemento imos ver se as mareas vermellas respectan o cultivo", di Ángeles Longa, responsable do departamento de I+D do Consello Regulador Mexillón de Galicia.

Comezan así a recuperar a normalidade e a producir un mexillón de calidade, despois de que o ano pasado a campaña do mexillón fresco fose moi mala. 

"Foi a peor da serie histórica dos últimos 25 ou 30 anos, non se chegou en toda Galicia a producir 180 mil toneladas que é un mínimo histórico. O normal é roldan as 225 ou 250.000 toneladas", destacou.

A boa produción e a calidade do bivalvo depende de moitos factores, entre eles a temperatura da auga e a presenza de microalgas e bos nutrientes. 

"Nós certificamos calidade, nós temos uns meses específicos que sabemos porque facemos controis en todas as partidas que se desembarcan, que o mexillón vai aguantar, que ten carne, que está gordo", engadiu.

A Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia agrupa a algo máis de 2.000 bateas, das 3.400 que hai nas Rías Galegas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade