Publicador de contidos
Publicador de contidos

A secretaria xeral do PPdeG esixe ao Goberno axudas para os damnificados polos incendios en Galicia

A secretaria xeral do PPdeG esixe ao Goberno axudas para os damnificados polos incendios en Galicia

Manifestou que Galicia está dando exemplo do que debe facer unha administración

A Xunta leva anos apostando por políticas públicas para evitar o abandono do rural, salienta

G24.gal 22/07/2022 07:55 Última actualización 22/07/2022 10:37

A Radio Galega remata a rolda de entrevistas cos principais líderes das forzas políticas con representación parlamentaria. Este venres, a secretaria xeral do PPdeG Paula Prado repasa os principais asuntos de actualidade e aborda o futuro do partido nos micrófonos do Galicia por diante.

Incendios

Prado pon en valor a actuación da Xunta e os medios que se despregaron na extinción dos incendios. Non obstante aclara o difícil que resultou acceder a algunhas das zonas afectadas, a pesar dos recursos dispoñibles.

En relación ás axudas aprobadas recentemente pola Xunta, remarca que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en aprobar estas prestacións, e esixe agora ó resto das administracións este compromiso.

"Agardamos que o Goberno de España poña enriba da mesa axudas económicas para esta situación. Hai moito traballo que facer. Non só recuperar as casas, senón que cómpre restaurar o monte. Agardamos que as outras administracións fagan o mesmo".

Sobre a necesidade de novas políticas forestais, incide nas medidas impulsadas polo goberno autonómico para evitar o abandono do rural. Prado ve a necesidade de repensar algunhas cuestións e buscar solucións de consenso ó problema dos incendios. 

Viaduto A-6

O PPdG esíxelle ó Goberno que esclareza cales foron as causas do colapso da A-6, que despois de dous meses aínda non se coñecen. Por outra banda, demanda unha solución definitiva para o viaduto e que se comprometa unha partida orzamentaria para tal fin no borrador de presupostos do Estado do 2023.

"Se non está nos presupostos non existe. O Goberno ten que poñer cartos para esa infraestrutura, porque se non esa solución provisional vaise converter en definitiva e iso non pode pasar. Afecta a máis de catro mil empregos... e as empresas poden trasladar os seus investimentos a outros territorios", puntualiza.

Medidas anticrise

Paula Prado considera que as medidas adoptadas polo Goberno son insuficientes e chegan tarde. Manifesta que a suba de impostos ás enerxéticas e á banca ó final vai repercutir nos cidadáns de a pé.

Pídelle á administración do Estado que faga o mesmo exercicio de austeridade que lle pide á cidadanía fusionando Ministerios ou eliminando algunhas carteiras que antes figuraban como Secretarías de Estado.

Tarxeta básica

Traslada Prado que foi un recurso que se puxo á disposición dos cidadáns en plena pandemia, cando había moitos sectores afectados polos peches da covid-19 que deixaron de ingresar ó non traballar.

Coa eliminación das restricións, esta circunstancia mudou e por iso a Xunta optou por retirar a tarxeta. Con todo, matiza, as persoas vulnerables seguen tendo outros recursos á súa disposición, como o bono alugueiro, bono social ou a RISGA.

Sanidade

Sobre a falta de médicos en atención primaria, manifesta Paula Prado que o problema non só é de Galicia senón que se pode trasladar a outras comunidades. 

Lembra que a Xunta creou 106 prazas directas en postos de difícil cobertura, para médicos MIR. demanda unha vez máis que o Goberno convoque máis prazas e cree a especialidade de urxencias, unha opción pola que se decantan moitos médicos ó rematar a residencia e que aínda non hai en Galicia.

Prado louvou a xestión que está a facer Alfonso Rueda na presidencia da Xunta tras a marcha de Feijóo a Madrid. A secretaria xeral dos populares traslada optimismo cara ás próximas eleccións municipais.

"Temos un proxecto común e en tódolos concellos traballamos nos equipos e nos candidatos", remata.   

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade