Publicador de contidos
Publicador de contidos

Formoso: "O lume non entende de cores políticas. Debemos falar do verdadeiro problema, a improdución do monte"

Formoso: "O lume non entende de cores políticas. Debemos falar do verdadeiro problema, a improdución do monte"

Formoso pídelle ao Goberno que manteña aberta a central das Pontes

O líder dos socialistas galegos cre que o Goberno central vai responder ante a magnitude dos danos provocados polos lumes

Formoso pídelle á Xunta que estea tamén á altura das circunstancias na concesión de axudas

G24.gal 20/07/2022 07:53 Última actualización 20/07/2022 12:55

O Galicia por diante entrevistou a primeira hora deste mércores ao líder do PSdeG-PSOE Valentín Sánchez Formoso.

Foi no estudio multimedia da Radio Galega e a entrevista estivo conducida polo xornalista Manuel Estévez.

Nesta entrevista, o secretario xeral dos socialistas galegos pediulle ao Goberno que manteña aberta a central térmica das Pontes. Cre que na situación actual cómpre ter reservas de enerxía alternativas ao gas natural. Neste caso co carbón. 

As Pontes

Formoso, alcalde das Pontes desde o ano 2007, amósase convencido de que xestionar unha administración local é moito máis complexo que dirixir un partido a nivel autonómico. No caso dun concello como o das Pontes, aínda máis, dada a realidade industrial e laboral dos últimos anos.

Precisamente falando de industria, considera que nun momento no que o turismo ten cada vez máis peso nun país como Galicia, resulta imprescindible coidar o "reservorio industral das Pontes", para a ubicación de industrias tractoras tales como as plantas de Ence ou Reganosa.

"Ter capacidade de xenerar enerxía a baixo custe e sen emisións é o que a UE e tódolos países buscan...Galicia tena e non a está a aproveitar. Está a renunciar á revolución enerxética baseada no eólico e no hidróxeno...creo que nese sentido as Pontes é todo o contrario, unha aposta clara por esa revolución enerxética", salienta.

Sobre a posibilidade de reactivar a central térmica, aclara Formoso que hai moitas expectativas neste feito, pero todo dependerá dos informes que emita Rede Eléctrica, sobre se en realidade se precisa ese subministro ou non. Na súa opinión, a central debería abrirse, pensando no próximo inverno, como alternativa ó subministro do gas.

Formoso insiste no impulso da enerxía eólica e das renovables na comunidade.

"Galicia ten a solución no ámbito eólico ó problema de prezos de empresas que dependen dun consumo enerxético intensivo...e vemos unha parálise do Goberno galego neste ámbito", critica.

Inflacción e axudas

O líder dos socialistas galegos cualificou de raquíticas as medidas adoptadas recentemente polo Goberno da Xunta para que as familias afronten a exponencial suba de prezos que estamos a sufrir. 

"No Goberno temos medidas, como a gratuidade no transporte ferroviario, que podería adoptar a Xunta"

Formoso pídelle á Xunta que estea tamén á altura das circunstancias na concesión de axudas

O líder dos socialistas galegos tamén cre que o Goberno central vai responder ante a magnitude dos danos provocados polos lumes, declarando zona catastrófica os concellos máis afectados polos incendios. E pídelle á Xunta que estea tamén á altura das circunstancias na concesión de axudas.

Sobre os incendios, o líder dos socialistas galegos traslada a súa preocupación, tanto polos acontecidos na comunidade como no resto do país. Aclara Formoso que compre facer unha "lectura de país" de todo o que está acontecendo.

"O lume non entende de cores políticas, senón de que sexamos capaces de poñer enriba da mesa a maior parte dos recursos dos que dispoñen as administracións...cando pase o verán temos que falar do veradeiro problema: o abandono do monte. Compre a recuperación do rural vinculada á gran reforma do territorio que require Galicia, clave para resolver problemas como a competitividade do sector agrario e rematar coa vaga de lumes", argumenta.

Aplaude as axudas que fará chegar o Goberno da Xunta ós que perderon as súas casas nestes incendios, pero, engade, estas achegas deben ser áxiles e suficientes, evitando cofinanciamento por parte dos propietarios, que nalgúns casos non poderían asumir eses custes.

Formoso considera que "debe de ser así" porque noutros casos "similares ou mesmo menores" que se produciron en España o Estado aceptou esta declaración e onte o propio presidente do Goberno Pedro Sánchez púidoo comprobar "persoalmente" sobre o terreo, en concreto no concello ourensán do Barco de Valdeorras, que esta mesma mañá aprobou esa petición en pleno.

A curto prazo, instou ás dúas administracións, autonómica e estatal, a "estaren á altura das circunstancias" e estableceren axudas inmediatas para os damnificados de maneira "realista" para que sexan "suficientes" e non requiran unha capacidade de cofinanciamento coa que non contan nas aldeas de Ourense.

Formoso di que o reto do PSdeG son as próximas eleccións municipais para consolidar a súa posición

Salienta o secretario xeral do PSdG que agora a tarefa pasa por reactivar os equipos con capacidade organizativa dentro do partido. O reto por diante é grande, matiza, pero o obxectivo é manter a presidencia do Estado e chegar á Xunta, enfatiza.

"Debemos estar no terreo máis apegado á sociedade. Nesas eleccións municipais o PSOE consolidará posicións, tanto no ámbito autonómico, como provincial e local"

Formoso confía en que esa posición de fortaleza nas próximas municipais, sirva de catapulta do partido para manter a presidencia do Estado, e chegar á presidencia da Xunta nos comicios do ano 2024.

Autovía A6

Sobre a alternativa do Ministerio á A6, pídelle ó Goberno da Xunta que evite confrontar por tódalas decisións que adopta o Goberno central. Aclara que desde o PsdG piden que o goberno esclareza qué pasou, e da maneira máis áxil e cando a legalidade así o permita, iniciar a reconstrucción. 

"Creo que esa debe ser a nosa posición intelixente e xusta. Esixirlle a Madrid o mesmo que se caera un viaducto en Tres Cantos ou Hospitalet, pero pedímoslle a Rueda e a Ethel que non confronten co Estado por calquera decisión", critica.

Fala de máxima transparencia neste asunto, poñendo en valor o traballo que ven realizando a secretaria de Estado de Transportes. 

"Isto podería terse despachado con conclusións efémeras...pero Isabel (Pardo de Vera) está profundando na causa. Queremos transparencia neste asunto, e se compre ter pechados os viaductos teremos que pechalos. Primeiro é a seguridade"

Falta de sanitarios

Formoso denuncia a perda de preto de mil sanitarios en Galicia desde o ano 2009, vacantes de xubilacións, apunta, que nunca foron recuperadas no sistema sanitario. Por outra banda, considera insuficiente o número de prazas MIR que se convocan, cando hai unha demanda máis que consolidada, manifesta. Unha situación que provoca a fuxida de talento médico da nosa comunidade.

"Algo pasa no desastre laboral do Sergas, con cinco mil prazas sen cubrir. Ten moito que ver con que os médicos vexan a Galicia como a súa terra de formación, pero non como un destino laboral", subliña.

Reforma Estatutaria

Ás portas do 25 de xullo, Formoso reclama a reforma do Estatuto de autonomía de Galicia, na procura dunha fórmula de autogoberno para a comunidade.

"As decisións tomadas desde o Paseo da Castellana (para Galicia) son radicalmente distintas ás que se poden tomar en San Caetano. É imprescindible modificar unha fotografía trasnoitada....con reflicte unha realidade desfasada dun país cunhas necesidades moi distintas actualmente", remata. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade