A reconstrución de Paramos aínda non está completa catro anos despois da explosión
A reconstrución de Paramos aínda non está completa catro anos despois da explosión
A Asociación de Afectados organiza un acto de homenaxe aos dous falecidos, no cuarto aniversario da traxedia de Tui
Os veciños cren que a catástrofe serviu para incrementar os controis sobre o almacenamento ilegal de explosivos
Catro anos despois da explosión do almacén de produtos pirotécnicos no parroquia de Paramos, na que morreron dúas persoas e ducias de vivendas quedaron destruídas, a Asociación de Afectados organiza esta tarde un acto de homenaxe ás vítimas en Tui.
Nunha entrevista na Radio Galega, a voceira da Asociación de Afectados, Lupe Pérez, admite que a consecuencias da gran explosión aínda son visibles en Paramos, pero a reconstrución da maioría das vivendas está xa en fase avanzada.
"A reconstrución non está completa. Están a piques de rematar as casas que van reconstruír. É un barrio cunha mestura, con zonas e vivendas en ruínas. Xente que tivo marchar. O recordo segue aí. Sempre nos vai acompañar".
Á falta de completar a reconstrución das casas e co proceso xudicial aínda en curso, os afectados polo estoupido queren que non se esqueza o que aconteceu. Sinalan que os afectados xa recibiron as axudas previstas por parte da Xunta e do Goberno central, pero que o concello está pendente de cobrar do Estado o importe do desentullo.
"As axudas da Xunta xa están pechadas. As do Estado están pechadas para nós, pero falta que se lle paguen ao concello os gastos do desentullo".
Lupe Pérez, que valora especialmente a unidade de acción que manteñen os veciños afectados, recoñece que a nivel particular, as contías das axudas foron insuficientes, sobre todo para as segundas vivendas.
"Á hora da verdade, o 90 % dos veciños tiveron que poñer diñeiro do seu peto ou adquirir novas hipotecas. A ninguén lle favoreceu economicamente, por dicilo dalgún xeito".
A voceira da Asociación de Afectados de Paramos destaca que a catástrofe motivou que se producisen cambios na lexislación sobre almacenamento de produtos explosivos e un maior control da actividade pirotécnica.
"Despois da explosión, foron aparecendo máis almacéns, material ciscado, sen licenza... O control si que incrementou. Pero que calquera poida ter unha polvoreira ao lado da casa, iso é unha aberración e foi o que nos pasou a nós"