A rede desartellada no Salnés tiña no seu poder cinco toneladas de haxix
A rede desartellada no Salnés tiña no seu poder cinco toneladas de haxix
Un total de 27 persoas foron detidas nas localidades pontevedresas de Vilagarcía, Vilanova, A Illa de Arousa, Sanxenxo e Catoira. Cinco deles ingresaron en prisión
Unha organización criminal marroquí contactou coa organización galega para conseguir embarcacións para introducir o haxix na península
A organización criminal dedicada ao tráfico de drogas que foi desarticulada esta semana en Arousa tiña no seu poder máis de cinco toneladas de haxix, segundo informa a Policía Nacional.
Un total de 27 persoas foron detidas nas localidades pontevedresas de Vilagarcía, Vilanova, A Illa de Arousa, Sanxenxo e Catoira e nun municipio da provincia de Biscaia; mentres que os rexistros domiciliarios foron 23.
Entre os detidos estaba o líder da banda, Ramón Dorgambide, detido este luns no Salnés. Nas imaxes difundidas pola Policía pode verse como un axente extrae unha arma de fogo agochada no cabeceiro da cama.
As pescudas sobre a banda de traficantes de haxix supostamente liderada por Dorgambide empezaron nun pequeno estaleiro Portugal meses atrás. Era o comezo dunha operación contra o narcotráfico que leva o nome de Arruda, a rexión vitivinícola portuguesa.
Daquela, en setembro de 2021, as autoridades advertiron que se estaban introducindo en España importantes partidas de haxix en pesqueiros e planadoras.
Os axentes puideron localizar nun estaleiro en Portugal un camión sospeitoso que se atopaba cargando unha embarcación de alta velocidade, de 12,5 metros de eslora e tres motores de gran cilindrada, e horas máis tarde ese camión entrou nunha nave desta organización.
Tras vixiar a embarcación, a Policía Nacional comprobou unha saída ao mar en paralelo á península ibérica con rumbo sur, o que acrecentou as sospeitas de que sería utilizada para a carga dalgunha importante cantidade de substancias estupefacientes.
A súa andaina finalizou coa intervención de 89 fardos de haxix, cun peso aproximado de 2.600 quilogramos, que foran lanzados ao mar na provincia de Huelva. Ao mesmo tempo, foron detidos os seus dous tripulantes, que pasaron a disposición xudicial.
Durante o pasado mes de xaneiro, os axentes interviñeron unha segunda embarcación de alta velocidade de 14 metros de eslora e tres motores de 300 cabalos, operación en que tamén se interviñeron 70 fardos de haxix cun peso aproximado de 2.100 quilogramos. Foron detidos outros dous investigados, quen tamén foron postos a disposición xudicial.
Este transporte puxo de manifesto para os investigadores o "prestixio" do grupo criminal no mundo do narcotráfico, xa que foron recrutados por unha organización marroquí para tripular unha lancha que polas súas características técnicas fora rexeitada polos seus propietarios.
As reunións entre os membros da organización galega para ultimar os preparativos dun barco con base na Illa de Arousa foron constantes.
Durante un deses encontros, a organización propietaria do haxix, segundo sostén a Policía Nacional, contactou co representante da organización galega para "sinalizar" a operación, proporcionar os puntos de encontro e entregar os medios técnicos necesarios.
O barco abandonou o porto o pasado 18 de maio tomando rumbo sur, aínda que o patrón do decidiu abortar a operación e abandonar a embarcación nunha praia de Punta Sombría (Huelva).Posteriormente, o patrón decidiu realizar novas xestións coa intención de retomar a operación de narcotráfico cun novo barco
A pesar de todo, a organización deixou de mostrar interese en partir, xa que as condicións estaban a deixar de ser as idóneas para acometer operacións de gran calado.
Debido a esta situación, de acordo co criterio do Xulgado de Instrución número 1 de Vilagarcía e da Fiscalía Especial Antidroga de Pontevedra, decidiuse levar a cabo o operativo policial para a desarticulación da organización investigada.
A operación segue aberta e non se descartan máis detencións nas próximas semanas. Ramón Dorgambide está xa en prisión por orde da xuíza de Vilagarcía encargada do caso. Tamén están presos outros catro detidos. Un deles podería quedar en liberdade provisional se deposita unha fianza de 80.000 euros.
Outros cinco detidos quedaron libres, pero desposuídos de pasaporte, con prohibición de saír de España e coa a obriga de presentarse no xulgado cada quince días. Tamén hai outro detido en liberdade provisional que só está obrigado a presentarse no xulgado cada quince días.
Aos once investíganos por suposto delito contra a saúde publica, como presuntos membros dunha banda criminal á que lle comisaron máis de cinco toneladas de haxix en Andalucía.