Publicador de contidos
Publicador de contidos

A redución do crédito en España, por María Loureiro

OPINIÓN

A redución do crédito en España, por María Loureiro

G24.gal 26/10/2022 08:02

A enquisa sobre préstamos bancarios do Banco de España do terceiro trimestre, publicada onte, apunta a un punto de inflexión da economía española pola parte do crédito a familias e empresa. As entidades financeiras reflicten un endurecemento do financiamento, pero tamén unha caída da demanda. Tanto para hipotecas como para préstamos persoais, esta evolución deberíase fundamentalmente a tres factores: o aumento dos tipos de xuro, o aumento dos riscos percibidos, vinculados sobre todo á deterioración das perspectivas económicas xerais, e tamén, aínda que en menor medida, o empeoramento na solvencia dos prestameiros, segundo indica o informe.

Aumento dos tipos

O euribor a 12 meses, índice de referencia do tipo de xuro o que se renovan a maioría das hipotecas variables ou o que se constitúen outras novas, rexistrou en setembro unha media mensual do 2,233 %, máximo desde xaneiro de 2009. É a consecuencia máis visible polo momento da decisión do Banco Central Europeo (BCE) de subir os tipos de xuro oficiais na eurozona para “arrefriar” a economía e loitar contra a inflación, que no grupo dos países do euro alcanzou o mes pasado un récord do 10 % mentres que en España se moderou ata o 9 %.

O empeoramento das expectativas dos axentes económicos

Con respecto ás expectativas, o máis preocupante son as previsións que teñen as entidades financeiras para o cuarto trimestre do ano. Prevén "unha acentuación tanto da pauta de endurecemento dos criterios de concesión de préstamos como da caída da demanda", ante o encarecemento e as maiores esixencias crediticias ás empresas. E un comportamento peor para o segmento do consumo. Anticipan "unha nova contracción tanto da oferta como da demanda de préstamos aos fogares para consumo e outros fins, que sería en ambos os casos máis intensos que a observada entre xullo e setembro". No segundo trimestre o consumo supuxo máis do 55 % do PIB e estaba a crecer a un ritmo trimestral do 2,3 %.

Peor calidade crediticia dos solicitantes

Nos tres segmentos de crédito (familias, empresas e mercado hipotecario) aumentou a porcentaxe de solicitudes de fondos denegadas por parte das entidades financeiras. E dentro das grandes economías da eurozona (Alemaña, Francia e Italia), España foi a única onde aumentou a taxa de rexeitamento de préstamos para empresas, consumo e vivenda á vez.

O impacto na actividade económica

A caída na demanda de crédito reduce o consumo e, como consecuencia, implica unha caída do produto interior bruto (PIB). Os vaticinios máis pesimistas sobre unha futura recesión cada vez parecen máis probables. O director xeral de Produtos Estatísticos do INE, Alfredo Cristóbal, confirmou que a economía non crecerá ou o fará moi pouco. O Banco de España, no seu informe trimestral, xa anticipaba que a economía pasaría de crecer a un ritmo trimestral do 1,5 % a, practicamente, estancarse. A situación é xeneralizada no resto do sector financeiro europeo, segundo a enquisa do Banco Central Europeo (BCE).

De feito, a Autoridad Independiente de Responsabilidad Fiscal (AIReF) aseguraba onte que sería probable que España entrase en recesión técnica no último trimestre deste ano. Aínda que a gravidade desta recesión depende do comportamento do emprego, que por agora, segue unha mellor tendencia que noutros países da nosa contorna.

Previsións a medio prazo

A medio prazo é esperable que a taxas dos xuros sigan subindo para cumprir co obxectivo de retornar a taxa de inflación do 2 % na eurozona. Para a reunión de mañá xoves do BCE, está descontada unha nova suba de tipos de 75 puntos básicos, que termina trasladándose ao custo do crédito para familias e empresas.

A predición da inflación para o primeiro cuadrimestre do 2023 na zona euro ronda o 5,2 %, mentas que se espera que na última parte do ano ronde o 3,5 %. Para o 2024, se se cumpren as predicións, retornariamos á inflación obxectivo. Para acadar a devandita taxa, son esperables aínda máis subidas dos tipos e unha restrición do crédito aínda maior no 2023, pero isto terá que medirse tamén con certa prudencia para non xerar unha rescisión profunda. Así que, ante esta situación, para o 2023 todo parece indicaar que teremos que apertar o cinto!

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade