A rexión portuguesa do Miño presenta a súa enogastronomía en Galicia
A rexión portuguesa do Miño presenta a súa enogastronomía en Galicia
O chef portugués António Loureiro e a galega Lucía Freitas, ambos estrelas Michelin, cociñan xuntos en Santiago
A enogastronomía como reclamo turístico de Portugal. Como un lazo máis de veciñanza entre Galicia e a rexión do Miño. Lucía Freitas e António Loureiro, ambos estrelas Michelin, uniron as súas cociñas para descubrir o mellor da gastronomía da raia.
"Traio sardiñas, mexillóns e por suposto bacallau. E tamén carne da nosa zona, da churra do Miño, que é un tipo de ovella moi valorada", di Loureiro.
Lucía Freitas asegura: "Hai ese nexo de unión entre Galicia e Portugal que na cociña se nota moitísimo. Temos o mesmo concepto de cociñar, de como tratar o produto e os produtores. En definitiva, de cociñar o territorio".
"É importante ir facendo unha fusión das dúas cociñas, tan similares", opina António Loureiro.
Esta é a primeira das actividades que o Consorcio do Miño trae a Galicia para promover esa zona de Portugal, moi próxima xeograficamente e cunha gran riqueza cultural e paisaxística. Despois da gastronomía virá a música. O domingo haberá un concerto do portugués Daniel Pereira e do galego Xabier Díaz.