Publicador de contidos
Publicador de contidos

A RFEF borra o comunicado en que arremetía contra Hermoso tras asumir Rocha a presidencia interina

A RFEF borra o comunicado en que arremetía contra Hermoso tras asumir Rocha a presidencia interina

A Federación continuaba no escrito a batalla contra a xogadora tras a suspensión de Rubiales

No novo ataque eliminado a Jenni Hermoso insistía en que "o bico foi consentido" e en que estaba "abducida" polo seu sindicato

 

 

G24.gal 26/08/2023 18:34 Última actualización 26/08/2023 19:14

A Real Federación Española de Fútbol borrou da súa páxina web oficial un comunicado no que cargaba outra vez contra a xogadora da selección de fútbol Jenni Hermoso, acusándoa de "terxiversar a realidade".

No texto ao que xa non se pode acceder desde a web o organismo insistía en que "o bico foi consentido", e afirmaba que Hemoso foi "abducida" polo sindicato que a representa.

A Real Federación Española de Fútbol eliminou un comunicado que emitira este sábado cargando contra a dianteira da selección Jenni Hermoso. No escrito dicía que "mente" nas súas afirmacións tras o bico que recibiu por parte do entón presidente Luis Rubiales e, tras criticar que estea "abducida" polo sindicato FUTPRO, pregúntase "a que intereses responden" o que consideran un "cambio de versión" da xogadora.

O organismo continuaba na súa batalla contra a internacional e despois de emitir un comunicado a última hora deste venres en resposta ás súas palabras a través de FUTPRO, volveu responder en relación ao que publicou persoalmente a madrileña.

"Unha vez acreditado por parte da RFEF que a xogadora Jennifer Fermoso mentía nas declaracións que formulou, por medio do Sindicato FUTPRO, tivemos coñecemento dun novo comunicado, agora si, da xogadora, un texto claramente preparado por terceiros, para dispoñer dos elementos necesarios para a suspensión das funcións do presidente da Federación, no que debemos manifestar que a señora Jennifer Hermoso mente en todas as afirmacións que formula en contra do presidente, como teremos ocasión de acreditar no momento oportuno", afirmaba o escrito do organismo federativo.

No mesmo comunicado indica que dispoñen "de todos os informes pertinentes e peritaxes que acreditan o afirmado polo presidente" e que "imos exercer as correspondentes accións legais contra todas aquelas persoas que están a falsear a realidade e cometendo delitos moi graves".

A RFEF lembraba no documento retirado, que nas súas declaracións a noite da final do Mundial ante os medios de comunicación, cuestionada polo bico, que fora "o momento, a efusión e do momento, que non hai nada máis aló, e que se vai quedar nunha anécdota e xa está, que… a xente… se lle quere dar bombo vaillo a dar e quen non, pois non”, e que "ademais colgou nas redes sociais un vídeo no que ela sinala que autorizara ese bico como mostra de efusividade cun “vale”.

Versións contraditorias no relato

De tal xeito a RFEF insistía en que "resulta extraordinariamente incomprensible" que a futbolista "afirme agora nese elaborado comunicado que considera as referidas anécdotas como un 'abuso no que non mediou consentimento', e se sinta 'vulnerable e vítima dunha agresión, un acto impulsivo e machista fóra de lugar e sen ningún consentimento pola miña banda'”.

"As graves contradicións no relato inicial do acaecido, que se poñen de manifesto no informe de integridade, e as graves acusacións vertidas por Hermoso desde que foi abducida polo Sindicato FutPro móvennos a preguntarnos a que intereses responde o sorprendente cambio na versión inicial e na cualificación dos feitos", engade a RFEF.

"Os feitos son os que son; e, por moitos comunicados que se queiran sacar para terxiversar a realidade, é imposible cambiar o que ocorreu. O bico foi consentido. O consentimento préstase no momento cos condicionantes do momento. Despois pódese pensar que un se equivocou, pero non pode modificar a realidade", finaliza o comunicado federativo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade