A Ribeira Sacra será a candidata española a Patrimonio da Humanidade en 2026
A Ribeira Sacra será a candidata española a Patrimonio da Humanidade en 2026
O conselleiro de Cultura en funcións presentou na Palma a proposta galega e amosou a súa satisfacción pola elección
A Xunta relanzou o seu proxecto para darlle unha maior relevancia á auga do territorio
O Consello do Patrimonio Histórico Español decidiu por unanimidade que a candidatura da Ribeira Sacra sexa a proposta de España para inscribirse na Lista de Patrimonio Mundial para a súa presentación ante a Unesco na súa asemblea de 2026.
En declaracións tras a reunión celebrada na illa da Palma, na que se que tomou esta decisión, o conselleiro de Cultura en funcións, Román Rodríguez, dixo estar "moi contento" e sentir un "grande orgullo" por esta candidatura que "vai ser un antes e un despois para este fantástico territorio do interior de Galicia". Agradece a "grande ilusión con que toda a poboación da Ribeira Sacra acolleu e acolle esta iniciativa".
Tras a retirada da candidatura en 2021 tras un informe desfavorable de Incomos, órgano asesor da Unesco, Galicia decidiu relanzar o proxecto. Para iso optaron por facer un reenfoque que xira arredor da auga, un dos elementos protagonistas nesta grande extensión situada ao sur da provincia de Lugo e ao norte de Ourense, que abarca 22 municipios e 16.000 hectáreas.
E é que Román Rodríguez remarca que en 2021 "houbo que facer unha parada", no que cualifica de "renuncia estratéxica para seguir avanzando no proxecto" e agora facer un "cambio de paradigma" para si competir por entrar en "un dos clubs máis selectos do mundo".
Deste xeito, a Ribeira Sacra buscará entrar na lista de Patrimonio Mundial na que xa están o Camiño de Santiago, o centro histórico compostelán, a Muralla de Lugo ou a Torre de Hércules.
Dinamización
Así mesmo, o responsable da Consellería de Cultura considera que esta candidatura supoñerá un revulsivo para a "dinamización" dun territorio que sofre "problemas de despoboamento" e debilidades económicas.
"En Galicia nunca deixamos de crer nas posibilidades da Ribeira Sacra e esta é, sen dúbida, unha moi boa noticia para todos, porque poñer en valor e protexer este territorio é algo que asumimos como un gran reto de país", valora o conselleiro.
Rodríguez incide no agradecemento ao equipo técnico da candidatura e á "implicación moi forte por parte de poboación local" para alcanzar este paso "básico", aínda que "non é definitivo" para a declaración.
Pasos a seguir
Tras este primeiro paso, a candidatura da Ribeira Sacra pasará a ser a proposta de España para a súa remisión á Unesco e a posterior avaliación no Comité do Patrimonio Mundial coa vista no 2026.
Ao longo deste ano, o equipo técnico redactor, en colaboración co Ministerio de Cultura, deberán completar o expediente desde o punto de vista formal co fin de cumprir coas directrices operativas da Unesco. Posteriormente, o informe será presentado no Centro de Patrimonio Mundial da Unesco, localizado en París, en febreiro de 2025 para a súa avaliación polos órganos consultivos.