A salvación de Alu Ibérica podería pasar pola fabricación de chatarra
A salvación de Alu Ibérica podería pasar pola fabricación de chatarra
Xunta e traballadores priorizan a reactivación da planta
A produción de chatarra tería maior impacto no cadro de persoal
A Xunta, o comite de empresa e o administrador concursal de Alu Ibérica reuníronse en Santiago para analizar o caderno de venda da planta da Coruña. Un documento que valora as instalacións en 20 millóns de euros e que propón como proxecto industrial máis viable producir aluminio secundario; é dicir, chatarra en lugar de aluminio primario. O investimento sería similar nun caso e noutro, pero o impacto no cadro de traballadores sería maior se se opta pola elaboración de alumnio secundario, xa que se necesitarían menos traballadores, uns 129 dos 300 que había na fábrica.
O comité de empresa non entrou a valorar os proxectos. Juan Carlos López Corbacho, presidente do comité de empresa de Alu Ibérica dixo que agora mesmo o importante é reactivar a planta para facela atractiva aos potenciais compradores.
A Xunta coincide en que a reactivación é o primeiro paso que hai que dar, pero apunta que para conseguilo é necesaria a implicación do Goberno central. Paula Uría, directora xeral de planificación enerxética, pediulle a todos os ministerios que arrimen o ombreiro, non so ó de industria.
O martes da semana que vén, Xunta, comité e Ministerio reuniranse para falar sobre esta reactivación e sobre o financiamento necesario para levala a cabo.