Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta oferta 400 prazas médicas sen oposición e tres anos de contrato tras o MIR

A Xunta oferta 400 prazas médicas sen oposición e tres anos de contrato tras o MIR

O portavoz do PSdeG acusa o presidente da Xunta de facer unha "demolición controlada da sanidade pública"

A líder do BNG pídelle a Rueda que se desculpe ante a cidadanía tras "trece anos de recortes e privatizacións"

 

G24.gal 08/02/2023 09:32 Última actualización 08/02/2023 20:30

A Xunta prevé convocar 400 prazas médicas sen oposición, que sexan de difícil cobertura en centros de saúde e hospitais comarcais, e contratos de tres anos para residentes que terminen o MIR na especialidade de Medicina de Familia.

Ademais, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) quere garantirlle ao persoal médico de Atención Primaria axendas de 33 citas diarias de dez minutos cada unha con cada paciente, en cumprimento do baremo que o Goberno galego ten establecido, e no caso de ter que prolongar a xornada ante picos de demanda poder facelo a cambio dunha remuneración adicional.

Estas son tres das propostas que o Sergas está a expor aos sindicatos médicos e aos representantes profesionais na Mesa Sectorial que se celebra este mércores, segundo avanzou o presidente da Xunta Alfonso Rueda en resposta ás preguntas da oposición no pleno do Parlamento.

Concurso de méritos

As 400 prazas que se ofertarán por concurso de méritos serán para profesionais médicos e pediatras de atención primaria, para distintas especialidades nos hospitais comarcais e para a de Saúde Mental.

O mesmo sistema, creado por unha reforma normativa o pasado ano, utilizouse na adxudicación doutros 106 postos.

Críticas da oposición

Os dous grupos da oposición non tiveron oportunidade de responder a estes anuncios, xa que o presidente pecha as preguntas, pero con anterioridade criticaron a política sanitaria da Xunta.

A líder do BNG Ana Pontón esixiulle a Rueda que "pida perdón aos galegos e ás galegas por poñer en risco a súa saúde tras trece anos de recortes e privatizacións".

O portavoz do PSdeG Luís Álvarez acusou a Rueda de facer "unha demolición controlada" da sanidade pública e reclamoulle que resolva os problemas neste servizo, que son "culpa súa" como presidente da Xunta, aínda que o sexa "por accidente". 

Manifestación do domingo

Sobre este debate planeaba a manifestación prevista para o domingo en protesta pola situación do sistema sanitario, convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública.

Alfonso Rueda dixo respectar a mobilización pero acusou os grupos da oposición, que a apoian, de tentar sacar "rédito político" da convocatoria.

Asegurou que algúns municipios gobernados polo BNG e polo PSdeG pagan os autobuses para "manifestarse contra a Xunta", que, segundo salientou, vai seguir "traballando, facendo propostas e sendo autocrítica" fronte a unha oposición que prefire "seguir sendo parte do problema".

Ana Pontón acusou o PPdeG de converterse "nun perigo" para a saúde da cidadanía e responsabilizouno de facer que a poboación confíe "cada vez menos na sanidade pública", ao diminuír a súa preferencia fronte á privada do 80,5 % ao 76,5 % nunha década.

Á parte de denunciar agardas de ata 15 días para consultas de cabeceira, ou que 194 municipios están sen pediatra, instou a Rueda a deixar de facer "demagoxia" e poñerse a traballar en serio.

A líder nacionalista advertiulle que "a sanidade non se toca", algo que, asegurou, lle van dicir este domingo "milleiros de persoas" na manifestación.

Tamén Luís Álvarez considerou que a cidadanía é consciente de que a sanidade "está peor que hai unha década" e por iso "non deixan de sucederse as protestas", tanto da poboación como do persoal sanitario.

Porén, lamentou o voceiro socialista, o presidente da Xunta está máis pendente "da rifa permanente ca de buscar unha solución".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade