A seca minguou nun 30 % a produción de millo forraxeiro nas comarcas do interior de Galicia
A seca minguou nun 30 % a produción de millo forraxeiro nas comarcas do interior de Galicia
A campaña de ensilado adiantouse ao mes de agosto para evitar que secara a planta
A mala colleita afecta á rendibilidade das granxas de leite, xa moi afectadas pola suba de custos
O millo forraxeiro padece as consecuencias dun verán abafante, sobre todo no interior de Galicia. As colleitadoras e as picadoras saíron traballar un mes antes do habitual para evitar que a planta secase no campo.
"Eu sementei en Semana Santa e tiven que colleitar o 20 de agosto, o normal sería a finais de setembro" explica o gandeiro José Manuel Sánchez desde a súa explotación de Silleda.
Durante o verán faltoulle auga e sobroulle temperatura, afectando ao desenvolvemento do talo, das follas e sobre todo das mazarocas. No centro do país e no sur de Lugo falan de perdas dun terzo da produción habitual.
"A materia seca é menor, a mazaroca é máis pequena, entra moita menos cantidade no silo", di Chicho Fuentes, técnico da Cooperativa Aira.
O silo é o principal alimento das vacas de leite. A mala colleita é un novo golpe na economía das granxas, xa moi afectada pola suba dos prezos nos fertilizantes, os pensos e a enerxía.
"A suba da luz, os pensos disparados e agora menos colleita, iso vai afectar bastantes explotacións, haberá problemas de rendibilidade", lamenta José Manuel.
Aínda quedan leiras por recoller, pero o balance provisional non é bo. A excepción está nas zonas próximas á costa como Mazaricos ou A Mariña, onde se mantivo a humidade en agosto e prevén obter unha colleita similar á do ano pasado.