Publicador de contidos
Publicador de contidos

A seca prolongada pon en risco a rega agrícola na comarca da Limia

A seca prolongada pon en risco a rega agrícola na comarca da Limia

A Confederación Hidrográfica recoméndalles ás comunidades de regantes que aforren auga

Confían en que a situación mellore nos próximos meses

Aspersores de rego na Limia. Arquivo
G24.gal 01/04/2022 14:18

Ás portas da sementeira da pataca, que comezará neste mes de abril, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil recoméndalles aos produtores que controlen a rega pola seca prolongada deste inverno. O río Limia, o máis afectado da conca, está a un cincuenta por cento do seu caudal histórico por estas datas e os encoros tamén están á metade da súa capacidade.

A Confederación Hidrográfica ten activado o plan da seca, e é nese contexto en que fai esta advertencia, pendentes, iso si, da evolución dos próximos meses xa que a rega non adoita comezar ata finais de maio ou principios de xuño.

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil: "Unha recomendación. Non debemos caer no alarmismo, dentro do que sabemos: que é un ano hidrolóxico de escaseza pluviométrica e hai que empezar a concienciarse de que hai que aforrar auga".

As leiras da Limia están preparadas para comezar coa sementeira, pero a terra non ten a lentura que adoita nesta época do ano.

Amador Díaz Penín, presidente da Asociación de Produtores de Pataca da Limia: "Nós non regamos ata finais de maio, xuño. Estamos nunha comarca con terreo areoso, con temperaturas de 38-40 graos, e un cultivo como a pataca, se non se rega, pode minguar a metade ou máis a produción".

Este outono-inverno recolléronse na conca hidrográfica Miño-Sil 428 litros por metro cadrado, un 45 % menos ca a media histórica, e os ríos están ao 66 %, por baixo tamén da media. Por iso, a Oficina Técnica da Seca recomenda aforrar auga con carácter xeral.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade