Publicador de contidos
Publicador de contidos

A secretaria xeral do PPdG pídelle ao Goberno que rectifique a lei do "só si é si"

A secretaria xeral do PPdG pídelle ao Goberno que rectifique a lei do "só si é si"

Paula Prado denuncia que as vítimas de agresións sexuais están "abandonadas"

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, esta mañá na Radio Galega
G24.gal 20/01/2023 10:01

O Partido Popular de Galicia redobra a súa ofensiva contra o Goberno tras a entrada en vigor da lei do "só si é si". A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, afirma que desde que entrou en vigor a norma unha vintena de agresores sexuais viron reducidas as súas penas en Galicia ou foron excarcerados antes de tempo e denuncia que as vítimas están abandonadas.

Nunha entrevista no GxD, Prado pediulle ao Goberno que rectifique e anuncia que o seu partido protestará na rúa cada vez que un reo se beneficie desta lei. A primeira terá lugar esta mañá en Ferrol.

"O Goberno tenta adaptar a norma á súa ideoloxía e aos seus intereses políticos. Antes de dicir que se equivocaron fan unha fuxida cara adiante e non miran para ninguén". 

A secretaria xeral do PP acusa o Goberno de tentar tapar este asunto co protocolo antiabortista de Castela e León e tacha a polémica de "artificial".

"Cando se evidencia que o protocolo non existe, toda a polémica do Goberno de España é artificial porque eles queren que sexa unha cortina de fume para tapar a súa desvergonza coa lei do 'só si é si'". 

Na entrevista, Paula Prado referiuse ao colapso que existe nalgúns centros sanitarios galegos. Atribúeo á falta de médicos e pídelle ao Goberno central que actúe.

"Non hai médicos en Galicia e a única persoa que ten a chave para abrirlles a porta aos médicos é Sánchez. Nós pedímosllo e mira para outro lado".

Perspectivas electorais

Xa en clave electoral, o PPdeG encara as eleccións municipais do vindeiro  28 de maio con "boas expectativas". Paula Prado defende o proxecto "serio, solvente e estable" do seu partido e confróntao co do PSdeG e o BNG.

"O PP é un partido útil para resolver os problemas reais da xente. O PSdeG está absolutamente roto; en vez de chamarlle a casa do pobo poderiamos chamarlle a casa das leas e do BNG a cidadanía non se pode fiar".

Prado afirma que todas as enquisas, agás a do CIS, amosan que o seu partido "está medrando e superando a todas as coalicións de esquerda" e confía en que a cidadanía así o demostre nas urnas.

"Moita xente vaille sinalar a porta de saída a Sánchez o 28-M e a enquisa definitiva será nas eleccións xerais, a finais de ano, cando Feijóo pase a ser o próximo presidente do Goberno".
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade