A Semana Internacional de Cine de Betanzos recoñece a carreira e o talento do actor Luís Tosar
A Semana Internacional de Cine de Betanzos recoñece a carreira e o talento do actor Luís Tosar
O intérprete recibirá a Medalla de Galicia o próximo24 de xullo
Este ano as Medallas de Galicia premian o audiovisual galego, recoñecendo o labor da academia que aglutina o sector e a traxectoria da produtora Zaza Ceballos e do actor Luís Tosar. O intérprete foi o protagonista da Semana Internacional de Cine de Betanzos.
A xente de Betanzos que ama o cine quixo premiar a carreira e o talento dun actor enormemente versátil. Con máis de cen títulos na súa filmografía, Luís Tosar transitou por todos os xéneros cinematográficos e construíu personaxes inesquecibles, que estes días volveron á pantalla do cine Alfonsetti.
"Sempre é interesante para nós ter un pouco de retrospectiva sobre o noso traballo porque che dá a dimensión do que estás facendo con perspectiva de futuro, de ver que cousas visitaches no pasado e que intentarás non volver visitar, ou quizais si nalgunha ocasión, ou intentar facer algo mellor"
Nuns días recibirá a Medalla de Galicia, a máxima distinción de honor que concede a Xunta. É un galardón a unha traxectoria multipremiada que o actor interpreta como un recoñecemento a todo o audiovisual galego.
"Nós sempre imos ser un sector especialmente delicado porque somos sector cultural, e os sectores culturais sempre andamos nun equilibrio precario. A pandemia veunos moi mal, sobre todo á xente que facemos cine. Necesitamos un empurrón e que se nos escoite. Creo que este recoñecmento neste momento vén especialmente ben".
Un recoñecemento que compartirá coa Academia Galega do Audiovisual e coa produtora Zaza Ceballos no acto de entrega que se celebrará o próximo mércores en Santiago de Compostela.