A Semana Santa encherá os hoteis de Ferrol e da comarca
A Semana Santa encherá os hoteis de Ferrol e da comarca
A cidade agarda recibir máis de 300.000 visitantes
O sector hostaleiro cifra en máis de 40 millóns de euros o impacto económico da Semana Santa
O hotel Alda El Suízo de Ferrol ten habitacións dispoñibles para o luns e o martes, pero a partir do mércores está completo. A maioría das reservas son de hóspedes con raíces na cidade que aproveitan a Semana Santa para visitar a familia.
"Sobre todo veñen moito de Madrid e de Asturias, fundamentalmente por tema familiar. Imaxino que tamén haberá xente á que lle guste á Semana Santa e aproveite para visitar Ferrol", comenta Juan Carlos Rodríguez, un dos recepcionistas do hotel.
Sobre as excelentes expectativas do sector situouse nas últimas horas a nube gris da previsión meteorolóxica, que podería arredar unha parte deses máis de trescentos mil visitantes que agarda recibir Ferrol ata o Domingo de Resurrección.
"É moi importante o impacto económico de xente que vén de fóra e que fai que Ferrol estea cheo. Economicamente, para o comercio e a hostalería é unha marabilla. Dá gusto ver Ferrol en Semana Santa", explica Helena Pena, da confraría de Dores.
O sector da hostalería cifra en máis de corenta millóns de euros o impacto da Semana Santa na economía ferrolá.