Desaloxan dous dos catro andares dun inmoble ocupado no centro da Coruña
Desaloxan dous dos catro andares dun inmoble ocupado no centro da Coruña
"Isto é un senvivir", din algúns veciños que cren que o problema non se soluciona ata que non os boten a todos fóra
Á primeira hora da mañá, axentes da Policía Local presentáronse no número 30 da rúa Barrera cunha orde de desaloxo.
"Desaloxaron o terceiro e o cuarto". "Con esta xente non se pode convivir". Luis Manuel é un dos moradores que desaloxou a policía. Conta que chegou a este inmoble hai un mes, por necesidade.
"Comezou a chover e tiñamos que buscar un teito. Pero prefiro vivir na rúa que estar aquí". Recoñece que no edificio habitaba xente conflitiva. E disto dan boa conta os veciños das casas do lado.
"Trapichean, rouban o que atopan nos portais e aos locais de hostalería lévanlles a mercadoría que lles deixan polas mañá na rúa". E mesmo chegaron a ameazar algún veciño que lles fixo fronte.
"Ameazáronme cun pincho diante da policía. Dálles igual". "E isto dános medo. E cando os veciños temos medo é perigoso porque aquí calquera día pode pasar algo".
Pero a gota que colmou o vaso foi un conato de incendio o mércores pasado.
"Foi porque unha parella discutiu e ela prendeulle lume ás súas pertenzas. E por iso nos desaloxaron", conta un dos ocupantes ilegais.
E dos catro andares que ten o inmoble, dous foron tapiados este xoves.
"Pero tivemos que volver a chamar a policía porque con todo o descaro puxéronse a dar golpes cun martelo para entrar outra vez". "Ata que non os boten a todos fóra non se vai solucionar o problema. Non desaloxaron aos peores e tampouco a todos".