Publicador de contidos
Publicador de contidos

A sentenza describe o calvario polo que pasou a menor de Baleira

A sentenza describe o calvario polo que pasou a menor de Baleira

A Plataforma Feminista prepara unha protesta ante a sede xudicial de Lugo contra o acordo que permitiu a rebaixa da pena

EFE 23/01/2023 16:20

A sentenza polo caso de abusos sexuais a unha menor no municipio lucense de Baleira, notificada este luns -23 de xaneiro- pola Audiencia Provincial de Lugo, relata o calvario ao que foi sometida a nena entre os 7 e os 13 anos como consecuencia dos abusos do esposo e o cuñado da súa irmá, coa conivencia desta última, condenada do mesmo xeito que os dous homes a tres anos de cárcere.

De feito, segundo figura no apartado de feitos probados da sentenza, os maxistrados sosteñen que a irmá lle insistiu á nena ata chegar “a convencela” para que mantivese relacións sexuais co seu cuñado, algo que sucedeu cando tiña “7 ou 8 anos de idade”.

Segundo a sentenza, o procesado valeuse da “convivencia familiar” e de que frecuentaba o seu domicilio “para dobregar a menor aos seus requirimentos sexuais”, de modo que mantivo relacións con ela “dunha maneira periódica e habitual” ata que “tivo 13 anos de idade”.

Cando a irmá da vítima quedou embarazada e a nena tiña once anos de idade, tamén comezou a abusar dela o seu marido.

A sentenza determina que os abusos sexuais aos que foi sometida a nena por parte do marido da súa irmá “coincidiron no tempo, polo menos en parte, cos abusos” aos que foi sometida por parte do seu cuñado.

“Como consecuencia destes feitos, a menor quedou embarazada” cando tiña 13 anos de idade e deu a luz un bebé.

En virtude dun acordo ao que chegaron defensa e acusación, con atención a atenuantes como dilacións indebidas no procedemento, a Audiencia Provincial condenou a tres anos de prisión cada un dos acusados -aínda que inicialmente a Fiscalía pedía para eles once anos de cárcere-.

A Plataforma Feminista prepara unha protesta ante a sede xudicial de Lugo por ese acordo que permitiu rebaixar a pena aos dous homes e á muller, tras recoñecer os abusos sexuais en sede xudicial. Esta fin de semana decenas de persoas tamén protestaron no municipio de Baleira pola rebaixa de pena aos tres acusados.

“A condena é irrisoria. Non fai falta ter unha sensibilidade especial para darse conta de que isto é horripilante”, dixo a presidenta da Plataforma Feminista de Lugo, Ana Torrón, quen lle confirmou a EFE que o colectivo se reunirá este luns para fixar o día e hora da protesta que protagonizarán ante a sede xudicial.

Ana Torrón lembrou que os “tres anos” de condena “nin sequera son a metade do tempo que estiveron a abusar da pobre nena”. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade