A sétima edición da SELIC comeza hoxe na praza da Quintana en Compostela
A sétima edición da SELIC comeza hoxe na praza da Quintana en Compostela
O Festival da Lectura comeza hoxe cunha xornada que terá como protagonistas a Cristina Morales e Miguelanxo Prado
A Quintana convértese, dende hoxe e ate o vindeiro día 18, en punto de encontro do sector editorial e literario galego
A SELIC mantense fiel ao seu concepto de levar o protagonismo do papel ao directo. Autoras e autores galegos xúntanse con nomes internacionais de recoñecido prestixio, como Cristina Morales (Lectura fácil), ou o supervendas italiano Bernardo Zannoni.
A gran novidade desta VII edición é, sen dúbida, a estrea da SELIC Criminal, unha sección coordinada polo profesor e escritor Xaquín Núñez Sabarís, que nace con vontade de ser cita de referencia do xénero en Galicia.
Este apartado dedicado ao xénero negro, en toda a súa diversidade, reunirá o máis destacado do panorama ibérico. A autoras e autores galegos como Diego Ameixeiras, Pedro Feijoo ou Patricia A. Janeiro, súmanse nomes como Arantza Portabales ou Lorenzo Silva, así como dous dos principais autores portugueses do xénero, Francisco J. Viegas e Francisco Moita Flores. Procurando ofrecer unha perspectiva heteroxénea, non só a literatura terá presenza, senón que tamén haberá oco para o audiovisual, con convidados como o guionista Pepe Coira.
A SELIC continúa cunha programación que conxuga a lectura con outras disciplinas, principalmente a música, o teatro e o audiovisual. Así, por exemplo, este ano poderemos achegarnos á obra publicada de Chévere a través dunha performance que contará con Xesús Ron, Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, ou a O lume de David Rubín a través da dramatización de Xosé Barato.
Mención á parte merece a relación de literatura e música, xa moi presente en anteriores edicións. Este ano salientan figuras como a cantautora madrileña Cristina Rosenvinge ou o mozambicano João Afonso. Ademais, un concerto-recital xuntará a Olga Novo e Su Garrido Pombo, nunha actividade desenvolvida a proposta da SELIC.
Sumaranse a todo isto, ademais das habituais seccións de diversos xéneros e os cursos, as programacións de librarías e editoras, en que destacan as múltiplas sinaturas de libros que poñerán en contacto os autores e autoras co público.
Toda a información e programación en www.selic.gal