A central térmica das Pontes retoma a actividade de xeito temporal este luns
A central térmica das Pontes retoma a actividade de xeito temporal este luns
A central térmica de Endesa nas Pontes de García Rodríguez reiniciará a súa actividade de xeito temporal este próximo luns e por un período inicial que culminará o venres seguinte, segundo fontes próximas á empresa.
No marco deste plan, xustificado pola súa posta a disposición ante necesidades do mercado enerxético, esta semana comezou o traslado dunhas 100.000 toneladas de carbón desde o porto de Ferrol.
En todo caso, segue en marcha o seu proceso de peche. A solicitude correspondente por parte da compañía lanzouse na recta final do ano 2019 e espera pola confirmación definitiva da Administración. Ata entón terá que estar dispoñible ante un posible reponte do consumo por inclemencias meteorolóxicas e nun contexto de suba do prezo da luz.
En total, a firma mantén almacenadas nas súas instalacións unhas 140.000 toneladas de carbón para a súa queima nos próximos días.
Empregos
O reinicio das tarefas na térmica afecta uns 70 traballadores do seu persoal principal e outros tantos do tecido auxiliar. Ademais, medio cento de transportistas encárganse da trasfega do carbón de Ferrol ás Pontes.
A súa anterior fase de actividade remóntase ao pasado mes de xullo. O complexo de Endesa na localidade mantén en funcionamento dous dos seus catro grupos produtivos.