A trasfega do lixo da zona vella de Santiago non deixa durmir a veciños dun barrio da periferia
A trasfega do lixo da zona vella de Santiago non deixa durmir a veciños dun barrio da periferia
O novo modelo de recollida ten unha base provisional nos terreos do antigo mercado de gando
Os residentes das urbanizacións próximas din que as cargas e descargas fan moito ruído
O Concello afastou os colectores das vivendas mentres busca unha localización definitiva
A comezos de ano o Concello de Santiago instalou provisionalmente dez bloques de colectores do lixo nesta zona de Salgueiriños para axilizar o sistema de recollida da zona histórica da cidade. Os veciños da urbanización máis próxima, a da rúa Melide, din que iso supuxo un sobresalto continuo do seu descanso nocturno.
Os propios afectados gravaron as actividades de carga e descarga para avalar as súas queixas diante do Concello e Urbaser, a empresa concesionaria do servizo. Iso levou a que afastaran algo as illas de colectores das vivendas e tamén a que o baleirado se fixese en horario de mañá.
Pero os veciños consideran que iso non resolve o problema. Queren que retiren definitivamente os colectores canto antes porque temen que co calor e o incremento da actividade turística amais dos ruídos van aumentar os cheiros.
Desde o Concello insisten en que a instalación é provisional. Aseguran que as illas que acollen os colectores se manteñen limpas e ventiladas e que seguen traballando na busca dun lugar axeitado para facer esta trasfega.
O que complica esa busca é que ten que ser dentro do radio limitado pola autonomía dos camións eléctricos cos que se realiza o servizo.