A tripulación dun barco atracado en Vigo pide axuda polo mal estado do buque
Os mariñeiros non cobran os seus salarios e temen ser repatriados
Non pasa desapercibido polo seu estado de abandono. É o Santa Isabel, un arrastreiro de bandeira de Belice atracado dende hai días en Vigo. Os expertos din que xa non está en condicións para pescar.
A súa tripulación pediu axuda porque tampouco cobran os seus salarios e temían ser repatriados ao chegar a porto. Porén a inspección do barco non foi posible. Tampouco o contacto coa tripulación que teme represalias.
Dende a ITF (Federación Internacional de Traballadores do Transporte) xa presentaron denuncia e agardan que as autoridades competentes actúen canto antes para que o barco non traballe nestas condicións. Polo de agora a inspección deste barco, cuns trinta tripulantes a bordo, non se produciu.