Publicador de contidos
Publicador de contidos

A UE apoia usar fondos Feader como axuda tras as recentes catástrofes naturais

A UE apoia usar fondos Feader como axuda tras as recentes catástrofes naturais

O acordo permitirá reprogramar fondos non comprometidos do período 2014-2020 e destinalos a agricultores, silvicultores e empresas afectadas do sector agropecuario

Traballos de retirada da lama en Masanasa, Valencia (EFE/Manuel Bruque) Traballos de retirada da lama en Masanasa, Valencia (EFE/Manuel Bruque)
G24.gal 12/11/2024 10:13

A Unión Europea deu luz verde a que os Estados membros afectados por "recentes catástrofes naturais sen precedentes" poidan obter asistencia adicional con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) para axudar a agricultores, silvicultores e empresas afectadas, informou o Consello (países UE) este martes.

Entre esas catástrofes figura a DINA que azoutou España, pero tamén as inundacións de hai uns meses en Europa central e oriental e os incendios forestais no sur de Europa ocorridos este ano.

En particular, permitirase aos países reprogramar os fondos do Feader non comprometidos do período 2014-2020.

A decisión adoptárona hoxe os representantes dos Estados membros no comité especial de agricultura, precisou a mesma institución nun comunicado.

"A UE está permitindo aos Estados membros que non utilizaron fondos de desenvolvemento rural do período de programación anterior reaccionar de forma rápida e flexible para os efectos devastadores das recentes catástrofes naturais", sinalou o Consello.

Iso permitirá aos países utilizar os fondos de desenvolvemento rural non comprometidos para o período 2014-2020 "para recuperarse e reconstruír, proporcionando asistencia de emerxencia aos agricultores, silvicultores e empresas afectados por catástrofes relacionadas co clima", engadiu.

Precisou así mesmo que o breve tempo transcorrido entre a publicación da proposta o pasado 21 de outubro e a súa entrada en vigor prevista para finais de ano "demostra que as tres institucións están comprometidas a abordar rapidamente as perdas de ingresos que sofren os agricultores e silvicultores europeos debido ás devastadoras catástrofes climáticas recentes".

O ministro de Agricultura de Hungría, István Nagy, cuxo país exerce a presidencia de quenda do Consello da UE, dixo que a proposta "é unha resposta directa ás recentes catástrofes relacionadas co clima e refírese a modificacións do regulamento que rexe o Feader".

Unha vez que o regulamento modificado se adopte formalmente e entre en vigor, os Estados membros terán máis flexibilidade para dar axuda de emerxencia aos agricultores, propietarios de bosques e empresas afectadas por catástrofes naturais.

Os fondos poderán dar unha asistencia de emerxencia aos agricultores, propietarios de bosques e pemes afectadas por catástrofes relacionadas co clima que se produciron desde o pasado 1 de xaneiro.

A axuda poderase financiar ao 100 % con fondos da UE non utilizados do período 2014-2020 e entregarase en forma de sumas fixas dun máximo de 42.000 euros por beneficiario.

Ademais, os Estados membros terán a flexibilidade de introducir e reforzar medidas para restablecer o potencial de produción das explotacións agrícolas e os bosques afectados.

O Consello precisou que a proposta non modifica os compromisos orzamentarios existentes, é dicir, que é "neutra desde o punto de vista orzamentario".

Ademais, reducirá a carga administrativa tanto para os receptores da axuda do Feader como para as administracións nacionais.

Cando se adopte o regulamento, os países interesados terán que decidir canto financiamento van mobilizar de novo para facer fronte ás catástrofes recentes, en función das súas necesidades específicas.

A proposta terá que ser agora adoptada no pleno do Parlamento Europeo e recibir a luz verde formal de ambas as institucións (Consello e Eurocámara), tras o cal será publicada no Diario Oficial da UE. Entrará en vigor na data da súa publicación. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade