Publicador de contidos
Publicador de contidos

A UE traballa nunha lei para reforzar a seguridade do transporte de 'pellets' e evitar verteduras

A UE traballa nunha lei para reforzar a seguridade do transporte de 'pellets' e evitar verteduras

Un operario limpaba a praia de Nemiña, no concello de Muxía (EFE/Cabalar)
G24.gal 18/01/2024 12:08 Última actualización 18/01/2024 20:58

Nun presente marcado pola crise da vertedura de granulados que afecta o norte de España e Portugal, a Comisión Europea traballa nunha proposta lexislativa para previr a liberación deses 'pellets' no medioambiente en territorio comunitario. Ademais, explicou que traballa coa Organización Marítima Internacional (OMI) para tomar medidas globais e evitar tamén eses desastres no transporte marítimo.

"Dada a natureza internacional do transporte marítimo, este sector non se incluíu na proposta. A Comisión traballa intensamente coa OMI para dar resposta a ese tema tan complexo", dixo o comisario europeo de Medio, Océanos e Pesca, Sinkevicius.

A proposta pretende que os operadores deses plásticos estean obrigados a tomar medidas para evitar as verteduras, conseguir que non cheguen ao medioambiente e se se producen, limpalos.

Así, o pleno da Eurocámara debateu este xoves sobre a vertedura do buque Toconao do pasado 8 de decembro, cando esa embarcación alemá perdeu 26.250 quilos de 'pellets' fronte ás costas portuguesas, derivando nunha marea de plástico. O desastre coincidiu coa tramitación na UE desta proposta de lei.

Sinkevicius apuntou que na OMI búscanse compromisos globais para poder esixir un "bo empaquetado", garantir que os contedores teñen información para identificar as substancias transportadas e que estes se coloquen "na cuberta inferior ou nas zonas menos expostas" do barco.

Pouco antes do debate, o comisario europeo reuniuse coa eurodeputada do PP Dolors Montserrat, o socialista Nicolás González Casares e a nacionalista galega Ana Miranda.

PP e PSOE acúsanse de inacción pola vertedura dos granulados

O comisario evitou entrar no cruzamento de acusacións entre os grupos políticos ás portas da campaña electoral en Galicia.

O BNG reclama medidas urxentes. "O que o goberno galego non fai, facémolo aquí. Reclamando considerar os pellets mercadorías perigosas. Consideralos contaminantes, porque Galicia non pode ser o vertedoiro de Europa", defende Ana Miranda. Eurodeputada BNG.

Unha lei europea, defende o partido socialista, que estableza obrigas para os operadores. Pero tamén un protocolo claro para a actuación dos estados.

"Para que non suceda o que pasou en España. Que desde o 8 de decembro non sabemos exactamente que fixo o goberno de España para evitar que estes granulados cheguen á costa ou que os gobernos autonómicos se pregunten se son tóxicos ou non. Son plásticos que están afogando os nosos océanos. Non merece a pena esta batalla política", di Soraya Rodríguez, eurodeputada socialista

Desde o Partido Popular falan de oportunismo político e acusan o Goberno central de non afrontar a súa responsabilidade.

"Se en vez dos pellets fora a amnistía e en vez de Rueda fora Puigdemont xa estarían actuando. Tan rápidos para ceder ante un prófugo da xustiza e tan lentos e irresponsables para arrimar o ombreiro nunha crise que afecta a todos", di Dolors Montserrat, eurodeputada do Grupo Popular.

O comisario europeo de Medio Ambiente reclama dos estados membros que traballen dentro da Organización Marítima Internacional para conseguir unha solución global.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade