A UE vai obrigar os fabricantes a repararen os electrodomésticos en vez de substituílos
A UE vai obrigar os fabricantes a repararen os electrodomésticos en vez de substituílos
Os consumidores terán o dereito a reparación durante dez anos desde a compra dun grande electrodoméstico
A Unión Europea escoita os consumidores e avoga por ter o dereito a reparar durante dez anos desde a compra dun grande electrodoméstico.
A Comisión Europea quere que como consumidores teñamos o dereito a reparación gratuíta dos nosos electrodomésticos durante a súa garantía. Nese prazo, os fabricantes non poderán cambialos unilateralmente.
A garantía das lavadoras, das lavalouzas ou tamén dos televisores seguirá a ser de dous anos pero, entre os cinco e os dez primeiros anos, dependendo do produto, os fabricantes terán que reparalos. Segundo a nova norma, o fabricante non poderá rexeitar a reparación agás que sexa imposible.
É unha proposta que aínda teñen que aceptar os 27 países da UE e tamén a Eurocámara e que pretende reducir eses 35 millóns de toneladas anuais de lixo que provocan os electrodomésticos ao tempo que se impulsa a reciclaxe. Nós como consumidores aforrariamos cartos.
A Unión Europea trasládalles deste xeito aos fabricantes as esixencias dos consumidores europeos que nos comenta Sol Vázquez, xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.
"A que se comprometan a fabricar eses produtos de forma que sexa máis doada esa reparación. Evitar un novo investimento, un novo produto e un novo residuo, esas tres cousas conséguense dándolles durabilidade aos produtos".
Nos cada vez máis escasos talleres de reparación de electrodomésticos, os tamén cada vez máis escasos técnicos só ven un xeito de facer viable e sostible a norma europea, como asegura Carlos Noya da empresa ITC de reparación e venda de electrodomésticos.
"Todo o mundo está a favor de reparar. Antes desmontabamos todo o que é unha máquina e cambiabamos cada peza. Agora vén todo soldado ou vén todo a un importe que non é sostible. Se abaratan as pezas hai maneira de facer sostible isto. Eu véxoo complicado".
Aplicar a economía verde e reverter a práctica vai ser difícil para os consumidores afeitos a reparacións caras e a oferta de substitución, como nos comentan na rúa.
A uns non lles vale a pena reparar polo custo, outros están encantados de cambiar os aparellos por novos co Plan Renove e outros aínda que intentan amañar na casa din que está cada vez máis difícil.
A Comisión tamén se pon dura con esas falsas etiquetas ecolóxicas, as que cada vez vemos máis acotío en roupa reciclada ou alimentos bío porque atopou que un 50 % delas son parcialmente falsas ou imprecisas. Por iso propón aos países da UE regras comúns máis esixentes e unha maior vixilancia.