A calor abrasa Galicia: a 43 graos en Vilamartín de Valdeorras
A calor abrasa Galicia: a 43 graos en Vilamartín de Valdeorras
Galicia está en alerta por este episodio de calor ata o xoves
Toda a comunidade está en alerta polas temperaturas elevadas, que en moitos puntos non refrescan nin sequera de noite. Os termómetros marcaban xa máis de 30 graos a primeira hora da mañá en puntos do interior, e pola tarde chegáronse aos 40 en diversos puntos da provincia de Ourense.
En Valdeorras levan cinco días abafando. Estemartes acadáronse os 43 graos na Portela, en Vilamartín de Valdeorras. Ferveu Valdeorras, pero tamén outras comarcas como a de Ourense, o Ribeiro ou Verín. Todas por riba dos 41 graos.
E este mércores será aínda peor. A Xunta activou a alerta vermella nos concellos do Barco, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras, pedindo extremar a precaución, sobre todo, nas horas centrais do día.
Só os turistas, supoñemos que chegados do sur, paseaban polas rúas de Santiago a 36 graos.
Iso sí, buscando as sombras. As terrazas máis soleadas quedaban baleiras.
Toda Galicia está en alerta sanitaria pola vaga de calor con diferentes niveis.
Porque ainda que boa parte da costa se libra dos avisos meteorolóxicos ata este mércores, sofre igualmente temperaturas moi elevadas ás que a xente non está afeita.
É o caso das rías de Ferrol, Ares e Betanzos onde superaron os 30 graos durante a xornada.
Tamén pasaron dos 30 graos en puntos da Costa da Morte como Camariñas e máis o sur da provincia superaron eses rexistros. En Carnota os termómetros marcaron 34 e en Boiro, 38.
Unha situación que se repetiu en boa parte da provincia de Pontevedra. Os avisos amarelos tanto no interior como na costa levaron a todos os que puideron as praias.
Na maioría non cabía un alfinete, sobre todo nas urbanas como a de Samil. Pero o peor da calor este martes estivo na parte da bacía pontevedresa do Miño en aviso laranxa por temperaturas rozando os 40 graos.
A vaga de calor deixará noites tropicais. Incluso en moitos puntos da costa de Pontevedra e da Coruña os termómetros non van baixar dos 20 graos.
O aire quente do norte de África non chega á Mariña. Así, mentres case toda Galicia e o resto de España abafa de calor, na costa de Lugo, están ao fresco.
As temperaturas máximas na Mariña quedaron por baixo dos 25 graos. En Viveiro os termómetros marcaron 24 e en Ribadeo 23 graos.
A chaqueta segue facendo falta á tardiña, e as noites son frescas, todo un luxo para que vén do centro ou do sur da península.
A alegría non ha durar moito, as temperaturas subirán na Maríña este mércores, achegaranse aos 30 graos, con todo esta comarca e máis o oeste da provincia da Coruña serán os únicos lugares de Galicia nos que non haxa activo ningún aviso metereolóxico. O que si haberá será alerta sanitaria.
Os termómetros alcanzaron os 34 graos en puntos das provincias de Ourense e Pontevedra ao mediodía deste martes, en plena vaga de calor.
Segundo a información de Meteogalicia, a estación de Baltar, ao sur da provincia ourensá, rexistrou 34,1 graos centígrados ás 12,10 horas.
Á mesma hora, a temperatura chegou aos 34 graos na estación das Neves, na provincia pontevedresa.
Por encima dos 33 graos situáronse os termómetros pasado o mediodía en Calvos de Randín (33,4 graos) e Xinzo de Limia (33,1 graos) e superaron os 32 en Fornelos de Montes (32,4 graos).
Meteogalicia ten activado o aviso laranxa por todo a ribeira do Miño e Valdeorras e amarelo no sur de Ourense, sur de Lugo e ao longo do límite con Asturias ata a Fonsagrada, en toda a costa de Pontevedra e o interior da Coruña.
E mañá a masa de aire cálido continuará sobre Galicia, polo que as temperaturas serán de novo moi elevadas en toda a comunidade.