Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Valedora do Pobo investiga de oficio o peche de oficinas bancarias no rural galego

A Valedora do Pobo investiga de oficio o peche de oficinas bancarias no rural galego

A Valedora do Pobo pide a colaboración dos bancos para saber cales son as medidas adoptadas para suplir o peche de sucursais

Bancos e poderes públicos teñen que colaborar para dar resposta a esta necesidade, incide Fernández Galiño

G24.gal 27/01/2022 14:34

A Valedora do Pobo falou esta mañá na RG a raíz do peche das sucursais bancarias en moitos municipios do rural, o que está a provocar a exclusión financeira da poboación máis maior. 

Noutra orde de asuntos, abordamos con ela a situación da vivenda en Galicia e sobre as queixas cidadás relativas ao ámbito sanitario.

Sobre o peche de oficinas bancarias no rural, avanzou Fernández Galiño que xa se iniciou unha investigación de oficio preguntando pola incidencia que esta situación está tendo, así como as medidas adoptadas polos bancos para paliar a carencia de servizos presenciais, para o que pide a colaboración das propias entidades bancarias.

Incide a Valedora en que cómpre dar resposta a este problema, porque o peche das sucursais está acrecentando a fenda dixital para moitas persoas maiores que sen coñecementos neste ámbito, non poden acceder ós servizos telemáticos.

Queixas sanidade

Relativo á sanidade, constata a Valedora que neste último ano aumentaron as queixas no ámbito sanitario, relativas a cuestións como a atención primaria, sobrecarga asistencial e demora nas consultas. Aclara Dolores Fernández Galiño que están a preparar un informe sobre estas queixas que en breve farán chegar ao Parlamento galego.

Máis vivenda pública en alugueiro

Respecto á vivenda, remarca a Valedora que é necesario aumentar o parque público en alugueiro, xa que, no mercado libre, hai familias que teñen dificultades para acceder a unha vivenda a pesar das axudas.

Ocupación

En referencia ao fenómeno da ocupación e endurecer ou non as leis para poñerlle freo, aclara que se trata dun tema complexo e que o primeiro é ofrecer seguridade xurídica aos propietarios, así como atender as situacións de vulnerabilidade das persoas ou familias que poidan estar ocupando. 

Cómpre maior coordinación entre os poderes públicos á hora de iniciar os desaloxos. Primeiro, engade, os procedementos civís teñen que ser áxiles, sen atrancos procesuais, e no ámbito penal, hai que ter claro cando se pode iniciar o desaloxo dun inmoble. 

Dolores Fernández Galiño tamén pon o foco nas mafias que se lucran da ocupación, incluso cobrando rendas aos máis vulnerables por ocupar eses inmobles. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade