A veciñanza, contra un suposto narcopiso en Vilagarcía
A veciñanza, contra un suposto narcopiso en Vilagarcía
A comunidade dun edificio da rúa Doutor Tourón denuncia a actividade sospeitosa dun piso
Os incidentes están alterando a vida cotiá das veciñas e veciños
A avenida Doutor Mourón de Vilagarcía é unha rúa céntrica e tranquila, agás para as persoas que viven no número 24. As veciñas e veciños deste edificio xa non viven en paz.
Escoitar berros de madrugada é só un dos episodios que altera a calma das persoas que viven neste inmoble. A maioría delas sabe ben de onde veñen os problemas.
Antonio Adarve Fernández, un dos veciños, relata o que acontece: "Aquí levamos un par de anos cun individuo aquí metido que se dedica a vender droga. Isto é unha feira, entrando e saíndo, de día e de noite. Aquí ven algún que se ouriña aí ou deixa as botellas, en fin, unha vergoña".
A sospeita da veciñanza é que no segundo andar hai un narcopiso. Isto xa é motivo dabondo para a inquedanza. Pero a principios deste ano a comunidade viviu un incidente preocupante. Un luns pola mañá encontraron o portal con graves danos.
"Romperon os cristais do edificio e había moito sangue aí fóra, e de aí ata o segundo, onde eles están."- explica Antonio Adarve. Outra veciña, que non quere ser identificada, relata: "Cristais, sangue, de todo. Cousas onde non poden vivir os nenos nin ver os nenos. Non teñen porque ver estas cousas".
A comunidade interpuxo unha denuncia na Policía Nacional por estes feitos vandálicos. Queren que se coñeza a súa situación, pero non todo o mundo se atreve a dar cara, por medo.
Finalmente a comunidade aprobou a instalación de cámaras de seguridade no portal e no garaxe. A previsión é que sexan instaladas a semana que vén. Agardan a intervención das autoridades, pero a Policía Nacional de Vilagarcía asegura que non consta ningún tipo de denuncia relacionada co tráfico de drogas ou delitos contra a saúde pública neste edificio.